O BNG solicita unha nova ubicación para o Punto de Encontro Familar de Ourense

A deputada Noa Presas denuncia que actualmente o Punto de Encontro comparte instalacións na Casa da Xuventude, situación que é “insostible” ao tempo que lembra que “o movemento feminista ourensán leva moitos anos reivindicando unha nova ubicación xa que compartir espazo resta privacidade e confidencialidade, alén de xerar outras problemáticas”
Ourense, 24 de febreiro de 2025. Os Puntos de Encontro Familiar (PEF) son ferramentas impulsadas para dar cumprimento ao autogoberno en materia de política social e de protección das e dos menores que ten o noso país e cuxo principal obxectivo é “garantir a existencia dun lugar adecuado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores en familias en situacións de conflito. Este servizo converteuse nun recurso imprescindible para a nosa sociedade e vén incrementando a súa demanda de xeito exponencial”.
Quen fala é a deputada por Ourense Noa Presas, deputada que vén de denunciar que o PEF da cidade de Ourense “situado na rúa Celso Emilio Ferreiro, arrastra recorrentes queixas por distintas razóns. Por unha banda, pola acumulación de casos por ser até o momento a única referencia para esa parte do país, o que supón para moitas crianzas desprazamentos de horas para poder realizar as visitas e unha maior dificultade organizativa”.
“Por outra banda, polas propias condicións das súas instalacións, xa que no 2013 a Xunta de Galiza trasladou as súas instalacións á Casa da Xuventude. Esta situación, obviamente, implica enormes dificultades para garantir o dereito á privacidade, mais tamén para o desenvolvemento da actividade pola limitación do espazo”.
Presas sinala que a ubicación actual non cumpre co establecido na lexislación que lle é de aplicación xa que as actuais instalacións “non son adecuadas porque non garanten a privacidade e a seguridade de forma suficiente, tal e como xa ten demandado o feminismo ourensán en múltiples ocasións, como no ano 2019, en que a Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres recolleu sinaturas ante unha serie de situacións de violencia institucional e de revitimización que dirixiu á entón Consellaría de Política Social”.
Desde a formación nacionalista tamén lembran que recentemente, a Valedora do Pobo remitía ao Parlamento Galego o Informe Anual respecto do ano 2023. Nese informe, ademais de reiterárense as queixas e a conflitividade recorrente dos Puntos de Encontro familiar, recollíase unha queixa específica respecto do Punto de Encontro Familiar de Ourense, indicándose que “da exposición dos feitos obsérvase [...] que o PEF soamente pode facilitar unha hora por semana para poder exercitar tal dereito” e recomenda “poñer a disposición dos proxenitores infraestruturas suficientes para o correcto exercicio deste dereito”.
Diante desta situación, Noa Presas afirma que desde o BNG “instaremos vía parlamentar á Xunta de Galiza para que impulse o traslado do Punto de Encontro Familiar a un novo emprazamento, de modo que permita cumprir adecuadamente as súas funcións, garantindo que non hai demoras no exercicio dos dereitos das persoas usuarias e que se dan as condicións necesarias para garantir a confidencialidade e, moi especialmente, para prever e atender calquera caso no que poida concorrer a existencia de violencia machista”.