O BNG proporá a convocatoria dun Pleno Provincial Extraordinario ás forzas da oposición se Baltar e o PP non aclaran e asumen as consecuencias polas reiteradas sancións e uso indebido de vehículos públicos.
Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense anunciou o traslado dunha batería de preguntas á presidencia do ente provincial no pleno que terá lugar maña venres 28 de abril, arredor das reiteradas sancións de tráfico ao presidente da Deputación de Ourense e o uso indebido de vehículos públicos.
Así mesmo anunciamos, manifesta Varela, que de non obter respostas que aclaren esta grave situación ou no caso de que as respostas acadadas afonden aínda máis na crise de credibilidade á que no noso entender, se está a ver arrastrada a Institución, sen que o Sr. Presidente asuma as responsabilidades correspondentes, solicitaremos o respaldo dos grupos da oposición PSG-PSOE e Democracia Ourensana para a convocatoria dun Pleno Extraordinario onde tratar en profundidade a situación e dirimir as responsabilidades de D. Jose Manuel Baltar e o Partido Popular, si estes respaldan non aclarar a situación xerada.
As preguntas que o voceiro nacionalista trasladará no pleno provincial de maña serán as seguintes:
En relación cos feitos coñecidos esta semana ó respecto dunha conducta manifestamente temeraria por parte de D. Jose Manuel Baltar Blanco, Presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó volante dun vehículo propiedade desta institución. Solicitamos a resposta ás seguintes preguntas, que lamento profundamente ter que facer xa que en ningún modo benefician e dan crédito á Institución na que entendo que debemos representar dignamente os nosos veciños e veciñas:
- É certo que o vehículo Volkswagen Passat gris matrícula 8054 KLY, propiedade da Deputación foi detectado o 19 de Setembro de 2021, no pKm 528,7 da N-120 superando os 150 Km/hora, nun tramo limitado a 90Km/hora? É certo que cando se notificou esta circuntancia solicitando a identificación do conductor, como é obriga legal, non foi esta atendida?. Polo que acabou sendo tipificada como infracción “moi grave” e pasando entón a ser a sanción de 1.500€. Podemos saber quen conducía o vehículo ese día? Quen abonou o importe da sanción? É posible que alguén conduza un vehículo do Parque móvil de Presidencia sen saberse sequera quen é?
- En relación cos feitos coñecidos ó longo desta semana, respecto á conducción temeraria do vehículo desta institución pública por parte do Sr. Presidente, é certo que o conductor de dito vehículo no momento da infracción era o Sr. Presidente?, cal era a axenda que xustificaría este viaxe un domingo pola tarde pola A-52, na Comunidade Autónoma de Castela-León? Existe? ten algo que ver con esta institución?
- Semella absolutamente inaceptable que o máximo representante dunha institución pública teña comportamentos presuntamentes delictivos, como é o caso de conducir a 215 Km/h nunha zona de velocidade limitada a 120 Km/h, poñendo en perigo a seguridade dos demais usuarios da vía, máxime cando está actuando nese intre como Presidente da institución (suponse que así é no momento en que conduce un vehículo da Deputación), que responsabilidades ten pensado asumir?
Vistas as manifestacións que D. Manuel Baltar Blanco en calidade de Presidente da Deputación Provincial trasladou este xoves día 27 nunha carta pedindo perdón “por unha dolorosa situación, derivada dun erro illado, pero que non é, dende logo adecuado” segundo as súas propias verbas. Esta situación de erro illado entra claramente en contradicción coas novas que teñen ido xurdindo na mesma mañá do día 27, onde según o recollido pola Cadena Ser de Ourense, o vehículo da institución provincial que habitualmente conduce persoalmente o Sr. Presidente (Volkswagen Passat gris matrícula 8054KLY), foi sancionado en dez ocasións por exceso de velocidade dendo ano 2019 ata o presente, sendo identificado en tres dos casos como conductor o propio Presidente, sendo esto así, solicitamos resposta ás seguintes preguntas:
- Cando falamos dun erro illado, estamos a falar dun erro illado reiterado?
- No caso das outras sete sancións por exceso de velocidade das que estamos a falar, foi identificado o conductor? De ser así quen era?
- Quen foi a persoa que se fixo cargo dos pagos polas sancións xeradas e que importe tiveron? Fixo algún pago por algunha destas 10 sancións a propia Deputación Provincial?
- Vistas as informacións publicadas ó respecto da posible interposición dun recurso por parte da Deputación, contra a sanción polos feitos do día 23, será a Deputación de Ourense ou o Sr. Presidente a título persoal e polo tanto cos seus propios recursos económicos o que faga fronte as accións que considere oportunas?