O BNG quere a implicación da Xunta na humanización da contorna da Praza de Abastos nº1 de Ourense
A formación nacionalista pedirá a través dunha moción rexistrada para o Pleno que o Concello de Ourense celebra este venres que o Executivo galego se implique cofinanciando as obras de humanización da contorna da Praza de Abastos, incluída a zona do “rianxo”
Ourense, 30 de agosto de 2022. “Cómpre que a Xunta de Galiza aposte por Ourense e o faga apoiándo económicamente ao concello naqueles proxectos estratéxicos non soamente para a cidade senón para o conxunto do país”. Este é parte do argumento que o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense empregará o vindeiro venres na defensa da moción que veñen de rexistrar para ser debatida en dita sesión.
Falan no BNG do coñecido “rianxo”, zona altamente degradada e abandonada que precisa dunha intervención integral que permita pór en valor toda a contorna, faga atractiva a zona e permita recuperar a actividade, sempre intensa, deste ámbito da cidade.
E é que para o BNG, o mercado de abastos, baseado fundamentalmente na comercialización de produtos de proximidade e de altísima calidade supón hoxe en día en boa parte do mundo un estímulo máis desde o punto de vista turístico, ao tempo que contribúe a espallar os nosos produtos e modo de vida.
Afirman os nacionalistas que a día de hoxe, por desgraza, nada se sabe dos plans do actual Goberno Local para coa contorna da Praza de Abastos nº 1 pese a que esta cuestión ten sido abordada polo Pleno municipal en máis dunha ocasión. Falan da necesidade de definir dunha vez por todas que facer co “rianxo”, de se é viable peonalizar toda a contorna e, sobor de todo, de se as intervencións que alí se executen están en sintonía coas obras que se pretendan acometer nos solares, outrora da empresa Xardín das Burgas e que actualmente xa son de titularidade municipal.
No BNG de Ourense tampouco queren deixar pasar o feito de que no 2021, desde o Grupo parlamentar, solicitouse vía emenda aos Orzamentos da Xunta de Galiza que habilitase unha partida de 500.000 euros destinada a un Programa de posta en valor e acondicionamento do “rianxo” tradicional da Praza de abastos nº 1 de Ourense.
“Somos a terceira cidade máis grande e importante de Galiza polo que a Xunta non pode seguir mirándonos de esguello, eludindo a súa implicación nos proxectos que de verdade supoñen un pulo e un avance económico e social para Ourense”.
Por todos estes motivos e algún máis que o BNG avanza desgranará durante o debate é polo que piden á Xunta de Galiza que colabore co Concello de Ourense no financiamento das obras de humanización da contorna da Praza de Abastos nº 1 de Ourense, incluído o “rianxo”, por atoparse nun lugar estratéxico desde o punto de vista turístico ao estar inxerido ao carón da fonte das Burgas.