O BNG solicitará o venres no pleno municipal a ampliación da planta xudicial de Ourense mediante a creación de novos xulgados
Concretamente desde a formación nacionalista pedirán a creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia, dun novo Xulgado do Penal e dun novo Xulgado de violencia sobre a muller
Ourense, 31 de agosto de 2022. Segundo recolle o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense na exposición de motivos da moción, nos últimos 15 anos a planta xudicial ourensá apenas sufriu variacións. A creación unicamente dun Xulgado de Primeira Instancia e dun novo Xulgado do Social, alén dunha praza de maxistrada para a sección civil, que pretendía dar resposta ás necesidades e demandas da sociedade ourensán, resulta evidente que a día de hoxe é insuficiente.
Segundo o BNG, como consecuencia deste desleixo na atención ás necesidades da organización xudicial de Ourense, atopamos xulgados que soportan unha extraordinaria carga de traballo, moi superior á que o propio Consello Xeral do Poder Xudicial considera como límite máximo para o correcto funcionamento dun xulgado, e que nin sequera a excepcional entrega e sacrificio das traballadoras permite que os procedementos dos que coñecen estes xulgados teñan unha resposta nun tempo razoable.
Así, o Xulgado de Familia de Ourense ven soportando dende hai anos unha entrada de asuntos moi superior, case o dobre, do módulo establecido polo CXPX o que obrigou, para evitar o seu colapso, á adscrición dun xuíz de apoio.
Segundo a estatística xudicial elaborada polo Consello, o número de entrada de asuntos no Xulgado de Familia de Ourense supera desde o ano 2016 os dous mil asuntos rexistrados, acadando os 2.292 no ano 2021, cando, lembremos unha vez máis, o número que podería soportar o xulgado segundo o propio Órgano de Goberno do Poder Xudicial é de 1.323.
Do mesmo xeito os Xulgados do Penal de Ourense veñen soportando un número de asuntos moi superior ao referido módulo, que en ningún caso de ser o referente exclusivo para a creación de novas unidades xudiciais, senón un indicador orientativo.
En similar situación atopase o Xulgado de Violencia sobre a muller que, xunto co reparto ordinario dos asuntos que teñan atribuído consonte as normas dos respectivos partidos xudiciais, deben atender as propias dos xulgados de instrución, e participar nas quendas de garda como os demais xulgados do partido, isto é, unha de cada tres semanas.
Por todo o anterior é polo que desde o BNG pedirán ao resto da Corporación, e como xa fixeron no Parlamento galego, instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a ampliación da planta xudicial do Partido Xudicial de Ourense mediante a inmediata creación dun novo Xulgado de Primeira Instancia, dun novo Xulgado do Penal e dun novo Xulgado de violencia sobre a muller.