O BNG reclama no parlamento que se manteña o IES A Carballeira

O BNG reclama no parlamento que se manteña o IES A Carballeira

O BNG SÚMASE Á COMUNIDADE EDUCATIVA DO IES A CARBALLEIRA E ESÍXELLE Á XUNTA QUE MANTEÑA ESTE INSTITUTO

Tereixa Paz denuncia que a conversión do IES A Carballeira nun centro integrado de formación profesional vai obrigar a maiores desprazamentos ao seu alumnado e a masificación das aulas noutros institutos

IES A CarballeiraOurense, 26 de marzo de 2013. A deputada do BNG, Tereixa Paz ven de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para manifestar a súa rotunda oposición á intención do Goberno Galego de reconverter o IES A Carballeira-Marcos Valcárcel nun centro integrado de formación profesional.

Segundo a deputada esta decisión “atenta gravemente aos intereses do seu alumnado xa que o obrigará a maiores desprazamentos e provocará a masificación nos institutos nos que se produza a súa escolarización”.

O BNG recorda que no centro da Carballeira cursan estudos alumnos e alumnas non só do propio entorno do centro senón tamén doutros concellos limítrofes o cal vai comportar moitas distorsións ás súas familias.

Por outro lado esta medida vai provocar, ao ter que reubicar o seu alumnado, unha masificación nos institutos desta zona, especialmente o do Couto, co conseguinte deterioro do ensino público que se vai sumar aos recortes que se veñen producindo nos últimos anos. Isto prexudica, a xuízo do BNG especialmente ao alumnado con necesidades educativas especiais e que precisan de apoio específico. En palabras de Tereixa Paz “estamos ante unha nova agresión ao ensino público, ante o seu deterioro e desmantelamento, e as vítimas son os nosos mozos e mozas, con máis incidencia naqueles que máis precisan dun seguimento individualizado, que nun aula masificada non poderán ter”.

O BNG denuncia que esta medida se teña adoptado sen ter en conta o parecer da comunidade educativa “aquí non se dialoga con ninguén, nin cos pais e nais, nin cos rapaces, nin co profesorado. Neste sentido a deputada manifestou “o noso total apoio mobilizacións da comunidade educativa á que animamos a sumarse ao conxunto da poboación xa que isto aféctanos e atínxenos a todas e todos”.

Para o Grupo Parlamentar do BNG poderíamos estar ademais ante un novo avance na privatización de servizos públicos. En palabras de Tereixa Paz “á vista de que o modelo de formación profesional do PP consiste na súa privatización poderíamos estar ante o primeiro chanzo para que alguén faga negocio con este centro”. Por todo isto o BNG considera que a única alternativa é que a Xunta retire este proxecto, “neste asunto só nos vale a marcha atrás, esixímoslle á Xunta que anule esta decisión”.

O BNG reclama no parlamento que se manteña o IES A Carballeira