O BNG contra a eliminación das liñas de tren de cercanías

O BNG contra a eliminación das liñas de tren de cercanías

A deputada do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, estivo este mércores en Ourense para denunciar o Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario que pretende aprobar o goberno español e que contempla a eliminación en Galiza de 84 trens de media distancia.

Na provincia de Ourense veranse afectadas as liñas Ourense-Monforte, Santiago-Ourense, O Carballiño-Ourense e Ourense-Sanabria. Para Fernández Davila esta supresión de liñas ferrroviarias deixará sen comunicación a

poboacións intermedias que non contan, a día de hoxe, con transporte público alternativo.

O grupo municipal do BNG de Ourense tamén se suma a esta denuncia e presentará no próximo pleno unha moción instando ao Goberno do Estado a retirar a proposta deste Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario que se finalmente se aproba implicaría a supresión do 19% das liñas de tren de Galiza.

Asemade, o BNG pedirá o apoio da corporación municipal para instar a Xunta de Galiza a manter as axudas económicas que permitan seguir prestando un servizo público esencial, sobor de todo en poboacións que non teñen alternativa por estrada.

Os nacionalistas esixen que se manteñan os investimentos comprometidos para a chegada do AVE a Galiza máis que isto non implique a falta de orzamento para mellorar as liñas de proximidade. Non pode ser que mañá chegáramos antes a Madrid que a calquera vila ou cidade do noso País.

Por último, o portavoz do BNG no Concello de Ourense, Xosé Somoza, ademais de pedir a retirada do Plan Estatal reclámalle ao goberno español un axuste dos servizos ás necesidades horarias dos usuarios -aumentando as frecuencias das liñas máis utilizadas-, a mellora dos trens e o fomento do uso do tren cunha redución do prezo dos billetes para facer o servizo máis accesíbel.

[ Texto íntegro da moción MOCIÓN SOBRE O TRANSPORTE FERROVIARIO DE CERCANÍAS ]

O BNG contra a eliminación das liñas de tren de cercanías