O BNG reclama unha vez máis a constitución da comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos nº 1 ante as dúbidas ao redor da execución das mesmas

IMG_5910
Estado das obras na actualidade

Reclaman transparencia ante as modificacións do proxecto inicial, que se teña en conta a opinión das praceiras e praceiros e que se aborde tanto a accesibilidade como a reforma do rianxo

O BNG reclama unha vez máis a constitución da comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos nº 1 ante as dúbidas ao redor da execución das mesmas

Ourense, 13 de xullo de 2021. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense volve amosar a súa preocupación ante o desenvolvemento das obras da Praza de Abastos nº1, que, segundo todo parece indicar, estanse alonxando do proxecto inicialmente previsto.

Desde o BNG reclaman unha vez máis do bigoberno municipal, a constitución da Comisión de seguimento, onde ademais dos diferentes Grupos municipais, estean presentes as praceiras e praceiros a fin de coñecer polo miúdo os avances das obras e sobre todo os cambios que segundo parece, se están introducindo con total opacidade.

Lembran os nacionalistas que xa hai algúns meses o propio concello anunciaba a construción dunha piscina termal nun dos sotos da praza así como a construción dun spa. Tamén parece ser que se está a barallar por parte do equipo redactor do proxecto na posibilidade de ubicar na planta primeira do edificio locais de restauración. Outra das cuestións a clarexar é como se vai facer a distribución interior e a asignación de postos, algo que para o BNG precisa da opinión do propios praceiros.

Tampouco debemos esquecer, segundo o portavoz nacionalista Luis Seara, "que a día de hoxe seguense sen abordar cuestións que son clave para a posta en marcha e para o bo funcionamento da Praza como é o caso da accesibilidade".

Para Seara, outro elemento fundamental é a reforma do rianxo e de toda a contorna da praza xa que lembra que " xa no seu día desde o BNG advertimos da necesidade de abordar esta cuestión ao mesmo tempo que a reforma do edificio xa que podémonos atopar cunha praza rehabilitada pero sen accesos que a fagan atractiva e accesíbel".

En resumo, moitas as dúbidas e poucas as certezas en torno a como evolucionan as obras e a como será o futuro da propia Praza de Abastos polo que desde o BNG reclaman a constitución con carácter de urxencia da Comisión de seguimento na que reiteran unha vez máis, "teñen que estar as praceiras e praceiros sí ou sí".

O BNG reclama unha vez máis a constitución da comisión de seguimento das obras da Praza de Abastos nº 1 ante as dúbidas ao redor da execución das mesmas