Mediados de xullo e as termas pechadas. O BNG pídelle á nova responsable de termalismo, Flora Moure, que se deixe de contos e esixa da Xunta unha moratoria na aplicación da lei galega de termalismo
Para Rhut Reza "non é admisíbel que unha semana despois de recuperar as competencias non se chantase en Santiago, diante do Conselleiro, solicitando unha moratoria que permita salvar a tempada de verán"
"O termalismo é chave para o turismo e a reactivación económica e social da cidade"
Ourense, 14 de xullo de 2021. Para o Grupo Municipal do BNG resulta incomprensíbel que unha semana despois de ter recuperado as competencias en materia de turismo e termalismo, a concelleira Flora Moure non solicitase da Xunta de Galiza unha moratoria na aplicación da lei 8/2019 de 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
Para a concelleira Rhut Reza, "estamos case a mediados de xullo e un dos grandes atractivos turísticos da cidade e do ocio e o lecer continúan pechados por mor dunha lei feita claramente en contra do modelo e dos intereses de Ourense".
Para Reza, neste contexto de crise económica e social, "a reapertura das termas contribuiría a paliar a situación, xa que son un polo de atracción turística moi importante, algo que contribúe á dinamización económica e social, sobor de todo, en sectores como o da hostalería e ao do pequeno comercio".
"A verdade é que a decepción que se levan os visitantes ao ver as condicións nas que actualmente se atopan é lamentábel e ofrecen unha moi pobre imaxe de nós como cidade e son ademais un elemento disuasorio para futuros visitantes".
Para os nacionalistas cómpre a solicitude urxente dunha moratoria na aplicación da nova lei, así como a esixencia de cofinanciamento por parte do Executivo Galego das obras precisas para a adaptación dos espazos termais.
Por último, o BNG pide que se senten todas as partes implicadas para de xeito consensuado, se desenvolva reglamentariamente a parte da lei que está pendente, evitando que colida co Plan Estratéxico Termal, aprobado, no seu día, por unanimidade.