O BNG reclama xestión pública para a residencia de maiores proxectada nos terreos da antiga estación de autobuses
Noa Presas avanzou que levarán unha iniciativa ao Pleno do Parlamento galego da vindeira semana reclamando a xestión pública e directa das sete residencias proxectadas nas sete principais cidades do país.
Ourense, 06 de maio de 2021. Na comparecencia desta mañá ante os medios de comunicación da deputada Noa Presas xunto ao deputado Iago Tabarés e a concelleira e concelleiro Rhut Reza e Luis Seara, reclamaron que a xestión da nova residencia de maiores proxectada nos terreos que ate fai poucos meses ocupaba a estación de autobuses da cidade sexa 100% pública.
Por este motivo, Presas avanzou que no pleno do Parlamento galego previsto para a vindeira semana, o BNG levará unha iniciativa na que reclamará que a xestión das sete residencias previstas nas sete principais cidades do país sexa íntegramente pública e directa. Para a deputada Noa Presas, "facemos esta petición dentro do marco doutras demandas para un novo modelo de residencias porque avaliamos que logo da COVID, unha das leccións máis importantes que temos que aprender como país é que a atención ás nosas persoas maiores non pode estar en mans privatizadas".
Para o BNG, a administración pública ten que asumir a súa responsabilidade en garantir "algo que é un dereito social para todas e todos e que non pode ser un privilexio ou un elemento susceptible de negocio".
Presas tamén comentou que " a día de hoxe, temos unha realidade preocupante como é o feito de que a meirande parte das residencias de maiores están en mans de organizacións vinculadas á caridade, a igrexa católica ou en mans de empresas que directamente teñen os seus negocios en paraisos fiscais como é o caso de DomusVi".
A pandemia amosou con moita dureza e con moita dor e nomeadamente en Ourense, como este modelo xerou moitos problemas e non garantiu nin unha adecuada atención aos maiores nin os dereitos das traballadoras e traballadores. A todo o anterior hai que engadirlle un número insuficiente de prazas en todo o país.
A realidade a dia de hoxe, segundo a deputada por Ourense é que " o 85% da atención ás persoas maiores en Galiza está privatizada". Presas pon como exemplo o feito de que a sociedade en xeral non entendería como a sanidade ou a educación, que son piares da nosa sociedade estiveran privatizados nun 85%, polo que no ámbito da atención ás persoas maiores cómpre "iniciar un camiño de reversión e garantir que a atención nestas futuras sete novas residencias sexa pública e directa".
Durante a súa comparecencia, Noa Presas non quixo esquecerse tampouco de como "a construcción destas residencias é algo promitido eternamente polo PP, xa no ano 2016 volvía a presentarse ás eleccións Núñez Feijóo con esta promesa e desde entón o que tivemos foron adiamentos inxustificábeis", para engadir que en reiteradas ocasións desde a formación nacionalista, "reclamamos a inclusión nos orzamentos da Xunta de contías concretas para estes centros".
Para Presas é imcomprensíble que a Xunta de Galiza "renuncie a empregar eses orzamentos para aumentar o número de prazas, pois estas sete residencias financiadas pola Fundación Amancio Ortega, non son suficientes e lembrou que en Ourense, "pese a ter a maior porcentaxe de persoas maiores, temos a menor porcentaxe de prazas públicas".
Igualmente desde o BNG esixiron que non se repita a ambiguidade no tocante á xestión dos centros unha vez estean construídos, tal e como acontece co Centro de discapacitados onde as familias ao igual co BNG siguen reclamando unha xestión pública do mesmo ou incluso co centro de Menores do Montealegre onde logo dunha forte inversión pública de case 2 millóns de euros, a xestión foi privatizada.
Noa Presas rematou afirmando que "a proposta do BNG é clara, desta crise temos que sair cun novo modelo de atención aos nosos maiores, temos que apostar por dignificar o traballo das traballadoras e traballadores das residencias, temos que apostar por aumentar o número de prazas públicas e temos que apostar por un modelo dimensionado".
Valoración de Luis Seara da rolda de prensa do alcalde Gonzalo P. Jácome
Preguntado polos xornalistas presentes na rolda de prensa sobre as declaracións feitas polo alcalde no día de onte no que se exime a sí mesmo de calquera tipo de responsabilidade e onde cargou duramente contra os funcinarios do concello, o concelleiro Luis Seara afirmou que, "o alcalde emprega aos traballadores e traballadoras do concello coma se fosen un escudo e unha coartada para non asumir a súa propia incapacidade" para engadir que " desde o BNG vímolo denunciando desde hai moito tempo".
Seara tamén quixo deixar claro que existen mecanismos internos dentro da propia administración para aqueles que incumpran as normas ou non fagan o seu traballo, o que non pode facer é o que está facendo o alcalde, pondo aos traballadores públicos aos pes dos cabalos".
O concelleiro Seara non quixo deixar pasar a ocasión para lembrar que "se a día de hoxe o Concello de Ourense funciona, pouco, pero funciona, é grazas precisamente ao traballo que están realizando os traballadores e traballadoras e ao seu compromiso".