O futuro da Universidade Popular e a posta en marcha dun plan de loita contra a pobreza irán a pleno este venres da man do BNG
No caso da Universidade Popular, para os nacionalistas non hai razóns obxectivas que xustifiquen a decisión do Goberno Local de desentenderse desta institución que tan ben funciona e tan boa acollida ten entre a veciñanza
A loita contra a pobreza e os desequilibrios socias incrementáronse como consecuencia da pandemia no Concello de Ourense de xeito alarmante polo que cómpre adoptar medidas urxentes
Ourense, 05 de maio de 2021. No pleno do Concello de Ourense deste venres 07 de maio, o Grupo Municipal do BNG porá o foco no futuro da Universidade Popular, logo da intención manifestada polo Goberno Local de desentenderse da súa xestión e mesmo cederlla á Deputación Provincial.
O ano pasado, o 2020, a Universidade Popular do Concello de Ourense fixo 25 anos. Foi un ano marcado por unha pandemia que nos tivo tres meses confinados e que mudou o xeito de relacionarnos, de traballar, de aprender. Neste 2020, ano de tantas mudanzas, a Universidade Popular amosou a súa capacidade de adaptación.
O persoal da Concellaría de Educación, as e os seus docentes, o seu alumnado, foron quen de adaptar e consensuar horarios e datas, de adaptarse nos medios e empregar, con cursos impartidos en modalidade telemática ou mesmo combinando ambas modalidades, con protocolos, con reforzo de limpezas, con medidas de seguridade, e conseguiron co esforzo e a boa disposición de todos e todas rematar o curso 2020 con 2.625 matrículas e sen ningún contaxio.
A Universidade Popular ademáis de ser un recurso municipal que permite a aprendizaxe ao longo da vida, está sendo un recurso que da traballo a máis de 80 empresas e autónomas, profesionais na súa materia, que son seleccionadas segundo unhas bases nas que se valora a formación e o proxecto presentado polas mesmas.
Por todo o anterior, desde o BNG pedirán ao pleno da corporación, instar ao Goberno Local do Concello de Ourense a que manteña a xestión da Universidade Popular e do Edificio Anexo á Escola de Artes Escénicas e que, de xeito inmediato, abra o prazo para a selección de proxectos para o curso 2022.
A segunda das mocións fai referencia a necesidade de por en marcha un Plan Integral de loita contra a pobreza no Concello de Ourense.
Se no conxunto do país, Galiza, os datos relativos á pobreza son alarmantes, en Ourense aínda o son máis, polo que non se pode mirar cara outro lado e cómpre afrontar a situación. Se botamos un ollo aos datos relativos aos indicadores de cohesión social facilitados polo IGE e relativos ao 2019 (últimos existentes), Observamos como a evolución dos mesmo concretados en Ourense, lonxe de mellorar ou estancarse, van a peor.
Desde o BNG entenden que o Concello de Ourense debe abordar con determinación esta problemática e poñer todos os recursos necesarios, económicos e humanos, para tentar minimizar os efectos devastadores que a pobreza e a exclusión ten para a sociedade en xeral. O concello non pode permitirse ter veciños de primeira e de segunda.
Faise necesario tamén liderar diante doutras administracións a captación de fondos e programas encamiñados a erradicación da pobreza e da exclusión social así como unha colaboración moito máis estreita cos colectivos e coas asociacións que traballan diariamente e arreo en combatir esta realidade. É preciso situar os servizos sociais e a atención ás persoas no centro da acción política do concello.
En consecuencia, o BNG pedirá ao pleno instar ao Goberno Local á posta en marcha dun plan de intervención comunitaria que traballe a prol da incorporación na sociedade das persoas en situación de pobreza, coa sinatura de convenios de colaboración con entidades sociais sen ánimo de lucro para a prestación e o reforzo dos servizos sociais municipais.
Instar ao Goberno Local a garantir, a través dun plan municipal contra a pobreza e a exclusión social, a subsistencia das familias con menos medios económicos. De xeito especial as que teñen crianzas ao seu cargo.
E por último, instar ao Goberno Local á dotación dunha partida orzamentaria para a realización dunha investigación e un informe sobre a situación real do estado da pobreza e a exclusión social no termo municipal do Concello de Ourense.