O BNG reprocha á Xunta que continúe negando a información sobre as irregularidades detectadas nas residencias de maiores en Ourense

Foto Iago Tabarés irregularidades residencias de maiores Ourense
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

Iago Tabarés afirma que as irregularidades constatan a vulneración dos dereitos e benestar das persoas maiores residentes nos centros e anuncia que o BNG seguirá rexistrando iniciativas para garantir o dereito a “unha vellez digna”

O BNG reprocha á Xunta que continúe negando a información sobre as irregularidades detectadas nas residencias de maiores en Ourense

Santiago de Compostela, 30 de decembro 2022. O deputado do BNG, Iago Tabarés reprochou á Xunta a súa negativa a ofrecer información sobre as irregularidades detectadas nas residencias de maiores de Ourense e, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, afirmou que estas irregularidades constatan “a vulneración dos dereitos e benestar dos maiores residentes nos centros” e os dereitos dos deputados e deputadas a contar coa información necesaria para desenvolver o seu labor. A Xunta, dixo, "nega de maneira sistemática a información que reclamamos ante feitos graves así como das actuacións do goberno tras ser detectadas estas irregularidades".

Na súa intervención, o deputado nacionalista trasladou á Secretaria de Política Social o malestar do BNG ante o que considerou un dereito fundamental que está a ser vulnerado e preguntou que teme o goberno galego “para agochar esta información ao Parlamento e a cidadanía”. Para o deputado, a Xunta incorre nun “incumprimento” que prexudica ao “sistema democrático é representativo dos deputados e deputadas e ás persoas usuarias das residencias. A xuízo do nacionalista, que o goberno “agoche información” evidencia a súa intención de “beneficiar á empresa responsable”.

"Vostedes", reiterou Tabarés, "queren evitar que a cidadanía coñeza as condicións de determinadas residencias e permitir que as empresas ou entidades concesionarias “podan seguir facendo negocio”. O PP, denunciou, “prioriza o negocio dalgúns sobre os dereitos das persoas residentes nos centros, o incumprimento do contrato debe conlevar a resolución e sancións"

Por outra parte sinalou que “os incumprimentos detectados pola xunta de Galiza tiñan que ser comunicados ás entidades locais” pola relación contractual coa empresa e eses incumprimentos podía dar lugar “á resolución dos contratos ou á imposición de sancións”

Neste sentido, o parlamentario volveu a preguntar pola empresa cuxos incumprimentos e infraccións agocha a Xunta e afirmou que “é a mesma sobre a que xa advertira o consello de contas que era irregularmente beneficiada pola Deputación de Ourense no 2018, e unha das principais adxudicatarias “a dedo” pola institución provincial nos anos 2019, 2020 e 2021”.

Iago Tabarés lamentou que, unha vez máis, a secretaria Xeral de Política social eludira responder ás preguntas formuladas e avanzou que o BNG continuará rexistrando iniciativas polos dereitos das persoas maiores residentes nos centros e o dereito a “unha vellez digna”.

 

O BNG reprocha á Xunta que continúe negando a información sobre as irregularidades detectadas nas residencias de maiores en Ourense