O BNG demandará en Pleno a inclusión de Ourense no Plan de vivenda pública impulsado polo Estado e a Xunta de Galiza
Alegan os nacionalistas que recentemente Ourense ven de ser excluída deste Plan, encadrado dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea e o cal impulsará a creación de 499 novas vivendas públicas
Ourense, 08 de xaneiro de 2023. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense ven de rexistrar unha moción para ser debatida polo Pleno do Concello o vindeiro venres día 13 de xaneiro e na que solicitan que Ourense sexa incluído no Plan de Vivenda Pública impulsado actualmente tanto pola Xunta de Galiza como polo Goberno do Estado.
Para o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, que Ourense quedase excluída “constata unha vez máis a irrelevancia que a día de hoxe representa a terceira cidade do país e o escaso peso político e institucional do actual Goberno Local que, alén de laiarse constantemente, é incapaz de demandar perante a Xunta e o Estado, os investimentos e proxectos que o noso concello merece e precisa”.
Segundo recolle a formación nacionalista na exposición de motivos da moción, “a situación da vivenda no Concello de Ourense é dunha especial gravidade, constituíndo o acceso a este ben esencial un dos maiores problemas sociais a día de hoxe. As veciñas de Ourense, a pesares do seu baixo poder adquisitivo, padecen un dos alugueiros máis caros de toda Galiza. Nunca foi tan caro como até o de agora alugar unha vivenda na nosa cidade”.
Para o BNG, de entre os factores que explican esta suba está por unha banda a falla de oferta e por outra o incremento da demanda turística o que provoca que pisos que antes estaban no mercado do aluguer agora estean no dos apartamentos para turistas. A escaseza de oferta fixo que no centro urbán o prezo se disparase en máis dun 16%.
Outro dos datos máis relevadores para o BNG é o feito de que segundo os datos da Federación Galega de Inmobiliarias (FEGEIN) no ano 2011, a cidade contaba cun total de 14.561 vivendas sen habitar e, lonxe de solucionarse o problema, a situación agravouse até acadar as 16.552 residencias baleiras que se contabilizan no presente, sendo Ourense a día de hoxe, a primeira cidade galega a este respecto.
No BNG lembran tamén que nos últimos trece anos a Xunta de Galiza apenas desenvolveu dúas promocións públicas de vivenda, ás que se engade un moi escaso número de vivendas rehabilitadas na zona histórica que nalgúns casos, e malia ser vivendas protexidas, presentan importes inasumíbles para moitas familias traballadoras e persoas mozas. Da inacción da Xunta de Galiza da boa conta o feito de ter deixado sen executar o 60% das partidas destinadas á vivenda no Orzamento do pasado ano 2021.
Certo é que nas últimas semanas e como consecuencia das críticas recibidas pola exclusión de Ourense do Plan de Vivenda Pública, desde o Executivo galego anunciouse a adquisición de varias parcelas propiedade da SAREB nunha zona próxima ao barrio da Cuña para a construción, segundo parece, de 66 vivendas de aluguer social para aquelas familias con rendas inferiores aos 20.265 euros anuais por unidade familiar, algo do que, evidentemente afirman aledarse na formación nacionalista.
O Grupo municipal do BNG pedirá o apoio do resto de Grupos para reverter a decisión adoptada e que Ourense sexa incluída no citado Plan e poida polo tanto beneficiarse do mesmo.