O BNG responde ás acusacións do Partido Popular sobre a investigación da Deputación Provincial
Diante das desafortunadas declaracións do Presidente da deputación acusando ao BNG de manipulación no que atinxe á adxudicación das depuradoras do Plan Daredo, desde o Grupo Provincial do BNG queremos facer constar o seguinte:
1° As declaracións do Presidente da deputación son, ademáis de tendenciosas e malintencionadas, impropias de quen ostenta a condición de máximo representante da Institución Provincial, ao tempo que reflicten un estado de nervosismo evidente, porque as acusacións ás que se enfrenta a deputación poden acabar derivando na devolución dunha importante cantidade de diñeiro e colateralmente poderían determinar tamén, responsabilidades de outro tipo, das persoas que tiveron que ver na xestión de este programa. Lamentamos que o Sr.Baltar confunda ao posible deterioro da súa imaxe persoal coa imaxe da nosa Provincia e agardamos que, neste caso alomenos, estea a altura da Institución que preside".
2° O BNG ten levado este asunto coa responsabilidade, seriedade, rigor e a prudencia que merece esta cuestión dada a gravidade dos feitos, - nada menos usual que que a OLAF desplace unha delegación para ir a unha administración pública-, polo que desde o primeiro momento evitamos especulacións ou entrar en falsas polémicas, limitándonos a dar translado da información dispoñible, facilitada pola Comisión Europea. A nosa responsabilidade é maior porque somos conscientes que nestes momentos, o Parlamento Europeo está en pleno proceso de negociación dos fondos comunitarios para o período 2014-2020, -fondos de cohesión e fondos estruturais-, dos que Galiza aspira a recibir arredor de 3.500 millóns de euros, 2/3 dos fondos que recibe no período actual 2007- 2013 porque superamos por primeira vez a condición de rexión menos desenvolvida e, polo tanto, pasas a recibir menos fondos. Pero eses 2/3 non están garantidos, podería ser menos, hai que negocialos no PE.
3° O BNG confía en que Galiza ten xestionado os fondos comunitarios, -20.000 millóns aproximadamente desde o ingreso na UE-, dentro da legalidade, máis aló de que eses recursos económicos non sempre tivesen o destino más productivo e eficiente. Polo tanto, espera que este sexa un caso illado, que se aclare o antes posible e que NON afecte á negociación en curso dos fondos europeos. O noso obxectivo no Parlamento Europeo neste tema é acadar para Galiza a maior contía posible de fondos comunitarios.
4° O BNG, na sua condición de oposición na Institucion Provincial, ten a obriga de velar e defender unha xestión transparente e eficiente das contas provinciais, e por ende dos fondos comunitarios, en todo momento e máxime en momentos de crise severa cuxas consecuencias están a sofrer moitos galegos e galegas, tamén na provincia de Ourense. Sabemos que non sempre se ten feito unha xestión eficiente deses fondos, e todos coñecemos infraestruturas financiadas con fondos da UE que foron feitas por oportunismo político pero que teñen escasa rendibilidade social e económica. Neste caso concreto, co engadido de que ademáis, poderiamos estar diante dun presunto caso de irregularidades, fraude ou corrupción.
Ourense, 27 de abril de 2011
GRUPO PROVINCIAL DO BNG
O BNG solicitou información ao Presidente da Deputación a través de diversas preguntas, escrito que se pode descargar a continuación: Preguntas ao presidente da Deputación Provincial de Ourense sobre a investigación da OLAF