O BNG responsabiliza a Jácome e a PP da anulación do capítulo I do Orzamento municipal de 2020
No BNG lembran que durante a tramitación e debate sobre a aprobación do Orzamento municipal do ano 2020, actualmente prorrogado, e elaborado polo bipartito DO – PP, o BNG, técnicos municipais e representantes sindicais, advertiron das irregulariedades do mesmo como consecuencia de ter obviado “un acto preceptivo e obrigado como é a negociación colectiva”.
Desde o Grupo municipal do BNG tamén aclaran, en relación coa sentenza, que nun primeiro momento “o Alcalde asinou un Decreto para o seu cumprimento, Decreto que revogou días despois ao darse conta que esa decisión podía pór en risco o pagamento das nóminas das e dos traballadores municipais”
Ourense, 16 de marzo de 2024. Durante a tramitación e debate sobre a aprobación do Orzamento municipal do ano 2020, o último en entrar en vigor e elaborado polo bipartito DO – PP, tanto o Grupo municipal do BNG, como técnicos municipais e representantes sindicais, advertiron das irregulariedades do mesmo como consecuencia de ter obviado “un acto preceptivo e obrigado como é a negociación colectiva”.
O Portavoz do BNG Luís Seara lembra que “xa daquelas advertimos ao Goberno bipartito DO – PP, que saltarse a negociación colectiva na elaboración do Orzamento podería acarrear a anulación do mesmo en caso de que houbese algunha denuncia e pese a iso, Jácome e PP decidiron obviar as advertencias de BNG, técnicos municipais e representantes sindicais e aprobar un Orzamento que acabou sendo anulado parcialmente, poñendo ao Concello nunha situación moi crítica”.
E é que como consecuencia daquela aprobación no ano 2020 e das posteriores denuncias interpostas por varias das organizacións sindicais con representación municipal, a xustiza anulaba en 2021 o capítulo I do citado Orzamento e referido aos gastos de persoal. Luís Seara aclara que “en maio o xulgado instou ao Concello á execución da sentenza, o que provocou que o Alcalde asinara en febreiro de 2024 un Decreto para o cumprimento da mesma, Decreto que quedou suspendido cautelarmente días despois por outro decreto asinado pola Alcaldía”.
No BNG esixen explicación ao Executivo Local sobre que é o que ten previsto facer e que solución van dar para afrontar “as consecuencias daquela decisión adoptada por Jácome e PP, consecuencias moi graves xa que a anulación do capítulo I do orzamento non só ten efectos económicos, pois habería que retrotraerse ao orzamento de 2014, o que supón preto de 4 millóns de euros menos na partida, senón tamén afectación na propia estrutura do Orzamento”.
Seara conclúe mirando cara o PP, a quen lle pide, “que non se poña de perfil e se agoche. Que asuman a súa responsabilidade pois o orzamento de 2020 tamén é o seu orzamento”.