O BNG solicita medidas urxentes para a crise da residencia de Celanova

Considérano como unha “situación alarmante” e demandan a intervención pública e a colaboración Xunta-Estado para garantir profesionais

O BNG solicita medidas urxentes para a crise da residencia de Celanova

O BNG agradeceu o esforzo das e dos profesionais da residencia San Carlos de Celanova así como do concello e dos organismos que están a traballar. Demandan da  Xunta e do Estado un esforzo extra ante a situación de alarma pola que atravesa o centro de maiores afirmando a necesidade da implantación e execución de medidas de choque urxentes.

Dende a organización nacionalista entenden que “é tempo de colaboración e sumar esforzos” e que entre as prioridades atópase a necesidade de “mellorar a coordinación e axilizar a resposta” con medidas que non atendan á improvisación e demoras coma no caso de Celanova. “Non pode ser que quen asuma o liderado da crise sexa o propio concello cando son as outras administracións quen teñen as competencias e a suposta capacidade para controlalo” afirmaron dende o BNG.

Neste sentido, o BNG comprende que hai que apostar pola intervención pública mais que esta intervención “non pode limitarse a chamadas telefónicas desde as áreas sanitarias”. A colaboración Xunta- Estado ten que ter como obxectivo garantir as seguintes cuestións:

            - Garantir, de forma urxente, persoal que compense a falta de profesionais e evite un colapso asistencial. Neste momento a residencia opera coa metade do cadro de persoal, e isto é insostible para a rotación e descanso de persoal e para atender adecuadamente máis de 50 residentes, dos que varios están afectados. Neste momento a UME só asumiu labores de desinfección [información que se ten até o de agora] e a Xunta non facilitou unha alternativa viable.

            - En todas as residencias con positivos, como Celanova ou A Farixa, hai que garantir a realización de probas a todo o persoal e a todas as persoas residentes de forma inmediata.

            - Dotar de forma urxente de material de protección (EPI’s) suficiente.

            - Procurar de forma urxente un recurso habitacional para poder aillar pacientes se é necesario. Neste sentido, cómpre valorar a viabilidade do espazo do albergue ofrecido polo concello.

Asemade, desde a formación nacionalista móstranse dispostas a tender a man e a colaborar en todas as institucións: “é o momento de manterse unidas”. A provincia de Ourense é unha das mais envellecidas do país e do Estado, para o BNG as persoas maiores neste momento ten que ser unha prioridade e ter os medios suficientes como para protexelas.

O BNG solicita medidas urxentes para a crise da residencia de Celanova