O BNG solicita que a situación do transporte urbano sexa tema prioritario na Xunta de Portavoces convocada para mañá venres
Desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “a confusión, os nervos e a incertidume entre a veciñanza diante do novo mapa de liñas, dos cambios permanentes nas mesmas e a súa implementación prevista para o vindeiro martes, son da suficiente entidade como para que esta cuestión sexa abordada con tranquilidade, seriedade e rigor”
Ourense, 12 de setembro de 2025. Logo da reunión da Xunta de Portavoces mantida o pasado martes na alcaldía do Concello de Ourense e na que o Rexedor trasladoulle ao resto de Grupos municipais unha proposta de modificación de crédito por un montante que supera os 25 millóns de euros, acordouse volver celebrar outra Xunta este venres día 12 de setembro co obxecto de que a Oposición manifeste o seu posicionamento.
Desde o Grupo municipal do BNG queren aproveitar dita reunión para que se aborde, a maiores e con carácter prioritario, a situación do transporte urbano diante da inminente entrada en vigor do novo mapa de liñas e previsto para o martes, día 16. O Portavoz nacionalista Luís Seara entende preciso que “neste momento o novo mapa de liñas e os cambios constantes na proposta inicial está a provocar moito desasosego, confusión, nervosismo e mesmo indignación entre a veciñanza” e engade, “recibimos na nosa oficina chamadas constantes de veciñas e veciños que queren saber que é o que vai acontecer, que non teñen claro como lles afecta ou mesmo para amosar a súa indignación diante da perda de servizos”.
Seara afirma que “os Grupos da Oposición ou polo menos no BNG, non temos máis información da que sae publicada ou da que o propio Alcalde vai anunciando nas súas redes sociais e entendemos que esta é unha cuestión prioritaria para a meirande parte da veciñanza de Ourense polo que ten que ser tema central a abordar na Xunta de Portavoces”. Seara conclúe afirmando que “está moi ben que Jácome queira falar do seu libro, máis o interese da veciñanza é outro ben distinto”.