O BNG solicita que unha rúa de Ourense leve o nome de República Galega
O BNG vén de rexistrar unha proposta para que unha rúa da cidade leve o nome de República Galega dado que hoxe se conmemora o aniversario da proclamación -27 de xuño de 1931- da I República en Galiza.
E precisamente foi Ourense a primeira cidade que a proclamou, cando as clases traballadoras ocuparon o salón de plenos do concello para izar a bandeira galega e proclamar a república logo de que o goberno de Madrid decidira paralizar a construcción do ferrocarril entre Zamora e A Coruña -por non consideralo rentábel- o que deixaba na rúa a 12.000 obreiros que traballaban nesa construcción.
Oficialmente queda a data do 27 de xuño cando Hipólito Alonso Ríos foi nomeado presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. As clases traballadoras tomaron as dependencias do Pazo de Raxoi e proclamaron o Estado Galego.
Esta historia silenciada adquire hoxe máis actualidade dado que estamos a viver nun proceso recentralizador auspiciado polo Partido Popular que impide, cada vez máis, que Galiza poida decidir sobre si mesma, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro.
O BNG cree que a crise económica se ve agudizada pola crise do sistema político español que atinxe a todas as institucións, incluída a monarquía que sempre funcionou como un símbolo do estado centralista que nos nega como nación e impide o noso desenvolvemento libre como pobo.
Porque temos historia, porque formamos parte dela, porque non se entende o futuro sen coñecer a historia do noso pobo, o BNG quere que na cidade de Ourense se lembre este fito precursor do noso pasado.