O BNG denuncia a falla de orzamento por parte da Xunta no Programa das tarxetas moedeiro no Concello de Ourense
Na formación nacionalista lembran que desde do 1 de xaneiro de 2025 correspóndelle á Xunta de Galiza “a xestión dun programa que denegou, a máis de 70 familias de Ourense, a solicitude de tarxetas moedeiro, sendo en máis dun 70% dos casos debido a falla de orzamento no programa”
Ourense, 01 de febreiro de 2025. O Grupo parlamentar do BNG vén de rexistrar unha serie de preguntas dirixidas á Xunta de Galiza e relativas á xestión do Programa das tarxetas moedeiro e concretamente á incidencia que o mesmo está a ter no Concello de Ourense. O deputado Iago Tabarés, un dos autores da iniciativa, lembra que “no Consello Territorial de Servizos Sociais celebrado o 15 de decembro de 2021, acordouse por unanimidade retomar a aplicación do sistema de tarxetas moedeiro para que familias en situación de extrema vulnerabilidade con nenos, nenas ou adolescentes a cargo poidan adquirir alimentos e produtos de primeira necesidade”.
Tabarés incide en que “as persoas beneficiarias poderán acceder de xeito directo a alimentos frescos, alimentación infantil e produtos básicos de hixiene, nun programa que esencialmente é financiado con cargo a fondos europeos”.
O certo é que coa posta en marcha do programa, correspóndelle ás Comunidades autónomas a identificación, valoración e derivación das persoas potencialmente beneficiarias, se ben con carácter transitorio e até o 31 de decembro de 2024, conferiuse á Cruz Vermella o aseguramento da cobertura e provisión das tarxetas, o control do seu correcto uso e que tiveran acceso ás contías concedidas, así como a emisión de informes sobre o seguimento do programa. Máis “a partires do 1 de xaneiro de 2025 correspondóndelle á Xunta de Galiza a xestión do programa”.
O BNG, e máis concretamente o deputado Tabarés, denuncia que “a realidade é que, segundo as informacións achegadas polo Concello de Ourense, a mediados de decembro, a máis de 70 familias de Ourense foilles denegada a solicitude de tarxetas moedeiro, sendo en máis dun 70% dos casos debido a falla de orzamento no programa” e engade, “xa que logo non é a inexistencia de necesidade ou de situación de vulnerabilidade a que determina ou determinou a denegación da tarxeta básica, senón a inexistencia de crédito de abondo para atender ás familias ourensás en situación de extrema vulnerabilidade”.
Diante desta “grave situación” para a formación nacionalista, “solicitaremos información ao Goberno galego sobre cantas solicitudes de tarxetas moedeiro de familias do Concello de Ourense estanse a tramitar actualmente. Cantos informes sociais foron emitidos neste ano 2025 en relación coas solicitudes de tarxetas moedeiro tramitadas en Ourense así como cal é o número de solicitudes denegadas no ano 2024 por insuficiencia de crédito no programa. Preguntas que agardamos, a Xunta resposte con claridade”.