O BNG solicítalle ao goberno que cumpla coa ordenanza e leve a cabo acción de prevención contra os lumes
A formación nacionalista denuncia a situación de varios solares no casco vello de Ourense: cheos de maleza que colindan e invanden outras propiedades próximas
O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense presentou por rexistro unha solicitude á equipa de goberno instando á institución a actuar de inmediato naqueles solares e zonas que teñen un volume de maleza abundante. A formación nacionalista criticou a inacción do cogoberno municipal ao non teren en conta unha política de prevención de lumes no centro da cidade. Así mesmo, solicítanlle que ademais de facer cumprir a ordenanza e evitar"males maiores" cunha intervención do Concello.
En 2016 o Concello de Ourense aprobou a ordenanza municipal co obxecto de conseguir axeitadas condicións de limpeza da maleza nos terreos e solares para evitar o risco de lume e preservar a saúde das persoas. Nesta mesma ordenanza, autorízase ao Concello a abrir un expediente sancionador contra a persoa propietaria do terreo- tanto no ámbito urbán como no perímetro rural- que non foran desbrozados no seu momento.
"Unha das obrigas de calquera concello é a de velar pola seguridade e o benestar da súa veciñanza"comezou sinalando o voceiro do BNG, Luis Seara, mentres indicaba a obriga, ademais de legal, moral de minimizar o risco de lume e inseguridade. "O Concello de Ourense ten que vixiar que esta ordenanza e actuar subsidiariamente no caso de que as persoas propietarias non fagan esta labor de limpeza e desbroce" coninuou explicando.
A día de hoxe, o Casco Vello da cidade conta con numerosos terreos abandonados e sen limpar. Un dos exemplos que máis destacan entre o rueiro é o edificio mº7 da rúa Hernán Cortés. Nesta zona da cidade, os solares e terreos abandonados spón "un risco engadido" por varias razóns: moitas das vivendas "son de pallabarro" e o acceso dos medios de extinción "é máis dificultoso" co cal no caso da propagación dun lume "o perigo potencial é maior".
"Pedímoslle ao Concello que non só faga cumprir a ordenanza senón que actúe de xeito inmediato naquelas zonas que están claramente identificadas, que en moitos casos foron denunciadas polos veciños colindantes, para evitar posíbeis desgrazas que poidan producirse" destacou a modo de conclusión o voceiro do BNG, Luis Seara.