O BNG súmase ás reclamacións da comunidade educativa para que se manteña o IES A Carballeira

O BNG súmase ás reclamacións da comunidade educativa para que se manteña o IES A Carballeira

Momentos antes de participar na manifestación convocada polos alumnos e alumnas, o Grupo Municipal do BNG presentou no IES A Carballeira a moción que será debatida no pleno do venres en Ourense na que se pide a paralización do proceso de conversión do instituto A Carballeira nun Centro Integrado de Formación Profesional.

A concelleira nacionalista Ximena González, sinalou que o BNG non só se sumaba ás mobilizacións da comunidade educativa senon que tamén recollera as reclamacións do alumnado, nais e pais, profesorado e comunidade veciñal da Carballeira e que estas peticións se trasladarían, a través dunha moción, ao pleno do venres para que a corporación municipal se posicione sobre a petición dos afectados que reivindican que se manteña o instituto.

Ximena González manifestou que as alumnas e alumnos deben ser unha prioridade tanto para o Concello de Ourense como para a Xunta de Galiza polo que reiterou a petición de paralización inmediata desta medida que o goberno do PP pretende levar a cabo de maneira inmediata e que suporá, entre outras cousas, a masificación do instituto do Couto, centro ao que será adscrito este alumnado.

Pola súa banda, o director do centro, Vicente Ribao criticou non só a medida senón tamén a forma de levala a cabo, sen diálogo e sen tempo para que o profesorado poidera participar no concurso de traslados. Destacou tamén o importante labor social que desenvolve o IES A Carballeira que ten entre o seu alumnado aos mozos e mozas da residencia de menores que contan con grupos de apoio e reforzo académico polas mañás e polas tardes, medida ésta que vai ser difícil de continuar noutro centro.

Acompañando ao Grupo Municipal do BNG estivo unha representante das alumnas e alumnos, Sara Ruiz quen manifestou a indignación que tiñan os seus compañeiros e compañeiras polo peche do instituto. Sara Ruíz dixo non entender esta decisión da Xunta sobor de todo nun instituto que fai un labor social impresionante non só no barrio da Carballeira senón tamén con alumnos e alumnas de Toén, Mugares e Piñor. Reclamou un ensino de calidade porque eles son o futuro e non entenden cómo vai haber unha sociedade formada se os mozos e mozas teñen que recibir educación en aulas masificadas.

O BNG xa presentou no Parlamento Galego varias iniciativas nas que se solicitaba a paralización da reconversión deste instituto nun CIFP. A deputada nacionalista, Tereixa Paz, fixo fincapé na perda da calidade educativa sobor de todo co alumnado de necesidades especiais. Lembrou que en menos de dous anos en Ourense se pechaban dous institutos, o Portovello e, se o PP mantén a súa decisión, o da Carballeira. Tamén resaltou o feito de que nenos e nenas dende os 12 anos ían ter que facer desprazamentos que ata o de agora non facían o que ía supor problemas engadidos para as familias. Tereixa Paz advertiu tamén que con esta decisión da Xunta de Galiza verifícase un novo golpe ao ensino público máis tamén o primeiro paso para a privatización da Formación Profesional.

Por último, os representantes veciñais das asociacións Carlasca e Arranxar quixeron amosar o seu respaldo as inciativas do BNG e criticaron duramente o comportamento do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao que cualificaron de fascista e dictador . Arturo Pérez Rodríguez lembrou que o conselleiro mentira cando no ano 2012, ante os rumores da reconversión do IES A Carballeira, manifestara que non se ía tomar esta medida. Asemade, amosou a súa preocupación porque o seguinte paso da Xunta podería ser o peche do CEIP Manuel Luis Acuña.

[ Texto íntegro da MOCIÓN POLO MANTEMENTO DO IES DA CARBALLEIRA “MARCOS VALCÁRCEL” ]

Ourense, 3 de abril de 2013

O BNG súmase ás reclamacións da comunidade educativa para que se manteña o IES A Carballeira