O AVE ten que chegar a Ourense no 2018
O BNG criticou duramente no pleno do venres a actitude do PSOE e do PP no que respecta á chegada do AVE a Ourense, tanto no que se refire a data, trazado e integración na cidade.
Logo dun duro e farragfoso debate, plagado de acusacións mutuas nas mocións do PSOE e do PP, púxose de manifesto que só o BNG ten as cousas claras e esta clareza quedou patente na aprobación da emenda de substitución que os nacionalistas presentaron ante os textos de PP e PSOE e que recolle catro puntos básicos:
1-Transmitirlle ao Ministerio de Fomento-ADIF que o Concello de Ourense esixe a apertura durante o ano 2018 da vía férrea do AVE entre Galiza e Madrid, sen máis escusas nin dilacións.
2- Anunciarlle ao Ministerio de Fomento-ADIF que a cidade de Ourense non aceptará outra proposta para a licitación do último tramo pendente entre Taboadela e Ourense, que o proxecto xa anunciado como variante exterior e con todas as prescricións medioambientais previstas, liberando deste xeito o trazado convencional para o uso do transporte intraurbano.
3-Exhortar ao Ministerio de Fomento-ADIF para que no proxecto definitivo de integración, e para evitar a fractura no entramado urbano, se empregue a mellor solución técnica e no maior treito posible.
4-Instar á Xunta de Galiza para que, de inmediato, manifeste o seu compromiso na constitución do consorcio entre as diferentes administracións para a execución da nova estación, que será intermodal, integrando polo tanto no mesmo espazo a estación de autobuses, a terminal do ferrocarril convencional, a estación do AVE e a estación do transporte intraurbano.
O debate no pleno e a resolución das votacións constataron que Partido Popular e PSOE seguen a empregar a chegada da alta velocidade a Ourense e a integración na cidade a través da estación como tema de confrontación entre partidos en lugar de priorizar os intereses da cidade que leva 10 anos inmersa neste debate.
Foi o BNG quen puxo a solución de consenso enriba da mesa, solución que os grupos empregaron tamén como elemento do confrontación, o PSOE chegou a rexeitar a emenda do BNG na votación da súa moción e a apoiala na votación da moción do Partido Popular, proposta, a do BNG que incluía a proposta do PP, amosando ben ás claras que ambos grupos teñen interese político en continuar coa confrontación e nengún interés en solventar o problema.
Máis a vertebración de Galiza non depende só do AVE senón mais ben das comunicacións internas imprescindíbeis para o desenvolvemento dos sectores productivos do País. É por isto que o BNG defendeu no pleno, coa mesma contundencia, a mellora do tren de proximidade que comunique as nosas vilas e cidades con liñas axustadas ás necesidades horarias da poboación , trens de calidade, melloras das frecuencias e reduccións dos prezos dun servizo público único en moitas poboacións do noso país. Moción que foi a probada nun debate no que o BNG lle reclamou ao grupo de goberno que se poña á fronte da loita contra as políticas do PP no estado que pretenden o desmantelamento deste servizo público.