O BNG denuncia o peche da UNIS do centro durante todo o mes de agosto e advirte de que é o paso previo “para o seu peche definitivo”
A formación nacionalista critica que “un servizo tan importante como é o que se presta nestas Unidades estea pechado desde o pasado 24 de xullo” e engade, “non é de recibo esta falta total e absoluta de planificación pois a substitución das traballadoras ten que estar prevista por parte do Goberno co obxectivo de evitar ter que pechar todo un Servizo agás que o que se pretenda sexa buscar unha escusa para pechalo definitivamente”
Ourense, 30 de agosto de 2024. O 26 de setembro de 2023, o Grupo municipal do BNG comparecía ante os medios diante da UNIS da rúa Colón para cuestionar o anuncio do Goberno Local de levar a cabo unha reestruturación na Concellería de Servizos Sociais consistente na centralización de todos os servizos nun único edificio, a Concelleira Rhut Reza, alertaba que dito anuncio “era un despropósito” ao entender que o obxectivo final era o peche das existentes”.
Desde o BNG veñen de denunciar este venres que a UNIS situada na rúa Colón está pechada desde o pasado 24 de xullo alegando o Executivo local que a traballadora social “está de baixa”, feito insólito para a Concelleira Rhut reza “pois o Concello dispón dunha listaxe de agarda que se podería ter empregado para a súa substitución”, e engade, “o peche afecta notablemente a centos de familias que precisan dos servizos e da asistencia que alí se prenta independentemente da época ou do mes do ano no que nos atopemos”.
Para a Concelleira Rhut Reza “é responsabilidade da Concelleira delegada e polo tanto do Goberno, planificar os diferentes servizos e garantir o correcto funcionamento dos mesmos en todo momento”. Reza afirma que recentemente veñen de incorporarse seis novas traballadoras sociais, “mais a UNIS do centro continúa a día de hoxe pechada e moito nos tememos que continúe así até que co paso do tempo, o Goberno opte polo seu peche definitivo”.
Rhut Reza, sinala que “as UNIS albergan os servizos comunitarios básicos e garanten a proximidade ás persoas usuarias e as súas familias”, e engade, “atenden a unhas 10.000 usuarias e teñen máis de 20.000 expedientes abertos, nestas UNIS faise a tramitación e o seguimento da renda de Inclusión social, axudas de emerxencia social, recoñecementos de discapacidade e dependencia, comedor social, banco de alimentos, bono social da luz ou mesmo o servizo de menores polo que falamos dun servizo básico e esencial para moitas veciñas e veciños”.
O BNG reitera unha vez máis que “o obxectivo final do actual Goberno Local é o desmantelamento progresivo dos Servizos Sociais municipais”.