O BNG urxe que se asine o convenio para que as familias cobren as axudas dos comedores
A pesar de que as anpas de Ourense denunciaron a sórdida situación que se vive dentro da Federación Provincial de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos de Ourense, a concelleira de educación, Ana Garrido, empéñase en asinar con esta entidade o convenio de colaboración para a xestión dos comedores escolares e as actividades educativas complementarias.
Xunto a isto, recentemente, o interventor puxo reparos á sinatura do convenio porque a federación non é a titular do servizo e non dispón de autorización das nais e pais para xestionalo e, a maiores, as subvencións do Concello soamente poden sufragar até 75% das actuacións e a federación non dispón de fondos para cubrir o restante 25% porque os comedores os pagan directamente as familias.
Así pois, todo parece indicar que o alcalde asinará un convenio manifestamente irregular e en contra das necesidades expresadas polas persoas que, en teoría, son as beneficiarias, que son os pais e as nais dos colexios públicos de Ourense, sobre todo se temos en conta que algunha anpa rexeitou que a federación lle xestionase o comedor co que quedaría excluída das axudas do concello. Este xeito de actuar é, en palabras da concelleira Susana García, unha imposición do equipo de goberno xa que aquelas que non queren acollerse á federación quedan fora das subvencións.
O BNG levara ao pleno de xullo unha moción sobre este tema, solicitando que se paralizase a sinatura do convenio e que a concelleira se reunise coas anpas para estudar a mellor solución. Pero o PP presentou unha emenda que validaba a actuación da concelleira de educación, Ana Garrido, ao lle solicitar que se reunise cos grupos políticos e a presidenta da Federación.
Así, grazas a actitude de Ana Garrido, que se empeña en asinar coa federación, e ao apoio que lle prestou o PP, o convenio está sen asinar e as nais e pais sen recibir as axudas.
O grupo municipal do BNG solicítalle ao goberno de Ourense que se resolva esta situación canto antes para que as familias conten coas axudas este ano e que se empece xa a negociar, esta vez directamente coas anpas, a mellor maneira de adxudicar as subvencións de comedores do curso 2014-2015.