Ao goberno de Ourense non lle interesa resolver o problema que xeran as terrazas
O BNG pregúntase cal é o motivo para que o grupo de goberno non tramite a nova ordenanza de veladores nin asuma as súas competencias para dar solución ao problema que xeran en Ourense.
Os nacionalistas pediron hai tres meses información sobre as inspeccións feitas aos veladores existentes, as denuncias presentadas e a tramitación que se fai delas mais, a día de hoxe, aínda non obtivo resposta. Hai establecementos aos que se lles denegou o permiso para a colocación de mesas e cadeiras por non cumpriren os requisitos esixidos na ordenanza vixente, porén manteñen o mobiliario na rúa sen que se saiba que dende o goberno se faga un control e se sancione aos hostaleiros que incumpren a normativa. Trátase dun evidente trato de favor fronte aos negocios de hostalería que si pagan as taxas
Tampouco hai control ningún sobre o espazo que ocupan as terrazas existentes que, nalgúns casos, chegan a invadir zonas que os residentes teñen que usar necesariamente para acceder ás súas vivendas. Tampouco quixo o concelleiro responsable facilitar información sobre este asunto, aínda que os veciños e veciñas teñen presentado reiteradas queixas pola situación creada nos baixos dos seus edificios que, nalgún caso, incluso podería chegar a orixinar problemas graves no caso de haber unha urxencia.
Por outra parte, os nacionalistas tamén queren facer fincapé na necesidade de que a nova ordenanza regule a estética do mobiliario que se está a colocar nas terrazas que nalgunhas zonas da cidade, como é o caso da zona histórica, resulta claramente inadecuada ao non gardar armonía co seu entorno.
Cando xa no ano 2012 o BNG trasladara ao equipo de goberno o malestar das veciñas e veciños de Ourense que en moitas zonas e barrios da cidade tiñan que sortear cadeiras e mesas para circular polas rúas da cidade debido á invasión das terrazas, o PSOE acordara elaborar unha nova ordenanza de veladores que foi posta a disposición dos grupos políticos no mes de xaneiro.
Daba a impresión de que existía verdadeiro interese en solventar este problema cando o equipo de goberno se comprometera a aprobar a normativa e aplicala xa na primavera deste ano. Porén, a día de hoxe parece que o único confirmado é que o PSOE non ten interese en regular este tema.