O BNG urxe celeridade na toma de decisións sobre a discoteca Desörden. “Que máis ten que pasar para que o Goberno local actúe?”
Logo de coñecerse o informe técnico así como as recentes inspeccións policiais, o BNG entende que a situación “non é unha teima da veciñanza xa que a propia Policía Local a través de varias inspeccións, constata a degradación da convivencia así como o incumprimento da Ordenanza de ruidos por parte do establecemento”
Ourense, 19 de febreiro de 2026. No Pleno que o Concello de Ourense celebrou o pasado 6 de febreiro, o Grupo municipal do BNG preguntoulle ao Goberno local cales eran as medidas que tiña pensado adoptar en relación coa actividade da discoteca Desörden, logo de coñecerse o informe elaborado por técnicos municipais.
Nas conclusións de dito informe, a técnica asinante constatou a existencia de emisións sonoras que non foron correctamente controladas polo limitador, o que permite inferir a presenza de equipos de reproducción ou amplificación non integrados e polo tanto controlados polo citado dispositivo e nas que se determina que dita configuración incumpre as prescripcións técnicas establecidas na Ordenanza municipal ao permitir a emisión de niveis sonoros non sometidos a control.
A resposta do Alcalde á pregunta formulada polo BNG consistiu en afirmar que estaba aberto un periodo de audiencia pública por un prazo de 10 días e que a partir de entón xa se tomarían as medidas que correspondesen.
O Portavoz da formación nacionalista Luís Seara, sinala que “somos coñecedores de que dito prazo xa rematou polo que pedímoslle ao Goberno local que aclare se durante o mesmo se presentou algunha alegación por parte dos interesados e en todo caso que a resolución das mesmas e a toma de decisións sexa o máis áxil posible xa que a situación na zona e os problemas para a veciñanza van en aumento”.
Seara destaca que a denuncia e as queixas sobre o que está acontecendo na zona como consecuencia da actividade da discoteca “non é unha teima da veciñanza ou do BNG, xa que hoxe mesmo coñecemos como a propia Policía Local a través de varias inspeccións, constata a degradación da convivencia así como o incumprimento da Ordenanza por parte do establecemento”.
Os nacionalistas insisten en que “o propio informe da Policía Local afirma que personado un axente na cabina de control, puido constatar de xeito fiable que o limitador acústico non entrou en funcionamento en ningún momento aínda estando en máximos o son emitido polos equipos”.
Desde o BNG esixen ao Goberno local “explicacións, transparencia e celeridade” na toma de decisións. “A situación é insostible e require solucións urxentes diante dunha problemática que está a ocasionar graves prexuízos emocionais e económicos á veciñanza. Cada día que pasa sen que se tomen decisións é un día máis en contra da saúde das veciñas e veciños”.