O BNG solicitará intensificar a conservación e a posta en valor do Castro de Santomé
Faino a través dunha moción rexistrada para o pleno que o Concello de Ourense ten previsto celebrar este venres e onde solicitarán o adecuado e periódico mantemento do xacemento e a divulgación e posta en valor do mesmo
Ourense, 03 de agosto de 2022. A escasos tres quilómetros do centro urbano de Ourense atópase o complexo arqueolóxico de Santomé, imprescindible para coñecer unha parte fundamental do pasado da cidade. Nel concorren os valores históricos, característicos dun complexo xacemento arqueolóxico, cos naturais, derivados dunha contorna que non só conserva unha vexetación peculiar senón que goza dun emprazamento privilexiado, con impresionantes vistas sobre a cidade.
Pese a iso e tal e como denunca o Grupo Municipal do BNG na exposición de motivos da súa moción, estamos diante dun dos elementos patrimoniais máis singulares e descoñecidos. Hai anos un grupo de persoas facía unha enquisa para saber de primeira man o grao de coñecemento entre os Ourensáns e Ourensás e de cada dez persoas, dúas afirmaban coñecer o Castro pero so unha dicía telo visitado.
Desde o BNG teñen claro que ese é o gran problema que queren abordar a través da moción. Como é posible que unha inmensa maioría da poboación descoñeza que Ourense conta cun espazo singular como este?.
A cuestión pasa polo tanto por abordar como se pode mellorar o aspecto actual do Castro, con síntomas de abandono. Como se pode integrar o coñecemento do patrimonio no deseño curricular dos colexios do concello, e como se pode aproveitar eses espazos para cuestións que non sexan estrictamente visitas guiadas.
Para a formación nacionalista definir estes tres aspectos son chave, porque contribúen ao coñecemento do concello, e por tanto a autoestima colectiva, ao tempo, non entran en colisión cos intereses das empresas privadas, que fan un importante labor de divulgación e explicación, na medida en que permiten pór en valor un espazo senlleiro.
Así pois, o BNG pedirá o apoio do resto dos Grupos con presenza no pleno para instar ao Concello de Ourense a realizar, en colaboración coa Direción Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, un acordo ou convenio que funcione práctica e administrativamente e que pemita realizar labores de mantemento, conservación e limpeza do Castro para que estea na mellor das condicións e, de paso, eviten a proliferación de posibles focos de lume, nunha zona dunha especial riqueza paisaxística e medioambiental.
Tamén para instar ao Concello de Ourense, para que, a través da Concellaría de Educación, en en colaboración cos principais actores, Museo Arqueolóxico, departamento de arqueoloxía do concello e cantos outros se queiran sumar, busquen achegar á comunidade educativa o coñecemento deste espazo singular.
E por último, Instar ao Concello de Ourense a empregar os distintos espazos patrimoniais, singularmente este espazo natural, para celebrar de xeito descentralizado, actividades culturais que permitan dar a coñecer e pór en valor os mesmos.