Temos moitos motivos para saír á rúa este domingo!
O BNG chama a toda a militancia e ao conxunto da cidadanía a dar unha resposta social contundente convertendo a manifestación do 15 de setembro nun gran acto de protesta contra as políticas do PP que colocaron a Galiza ao borde do colapso.
Sobran as razóns para dicir basta xa ao desgoberno dun PP que non ten alternativa para o país e que goberna para os lobbies empresariais madrileños, os mesmos que o financian de xeito ilegal.
Desemprego, desigualdade, empobrecemento: A taxa de desemprego é do 23%, 50% se falamos de paro xuvenil, 92.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e só no último ano Galiza perdeu 33.000 empregos, sen esquecer a sangría da emigración. Ao recorte das pensións, súmase agora a persecución fiscal de Facenda cos emigrantes retornados. Para o BNG a prioridade é combater a crise, porque medran as desigualdades, cada vez somos máis pobres e aumenta o risco de exclusión social, e para facelo con eficacia precisamos máis soberanía, dito de outro xeito, precisamos poder tomar as decisións que máis conveñan aos intereses do país e da xente do país.
Sectores produtivos están exhaustos, acosados polas limitacións e as regras de xogo impostas pola UE e polo Estado español, contrarias aos intereses do noso naval, do agro, do sector pesqueiro, enerxético e dos nosos recursos naturais, que o PP quere entregar ás multinacionais depredadoras. Con capacidade política real é posible darlle a volta a gobernar a favor dos nosos sectores produtivos.
Espolio financeiro: Galiza precisa unha banca pública que financie á nosa economía, aos emprendedores, as familias. O BNG propón converter NGB nesa banca galega, pero o PP aposta por consumar o espolio definitivo do aforro do país. Como explicarlle aos galegos que se regala NGB a gran banca española ou se malvende a un fondo especulativo tras tapar os buratos da entidade con 9.000 millóns de aos que hai que sumar os 600 millóns estafados polas preferentes? Tamén para isto precisamos soberanía, para que non decida o FROB por nós, coa complicidade do PP.
Defensa dos servizos públicos: a crise como coartada ideolóxica para recortar a sanidade, a educación, o investimento en I+D+i, as prestacións sociais precisamente cando máis se necesitan. Consecuencias, suben as listas de espera, ponse contra as cordas a calidade sanitaria, suben as taxas universitarias e baixan as becas deixando fora aos fillos das familias con máis dificultades.
Corrupción e falta de democracia dun PP absolutamente deslexitimado, que cobra sobresoldos en negro e financiado ilegalmente por grandes empresas con sede en Madrid a cambio de colocar o BOE ao servizo dos seus intereses, mentres no Parlamento galego rexeitan dar explicacións sobre o espolio das caixas, a traxedia ferroviaria de Angrois ou agachan a documentación dos contratos con narcotraficantes convictos.
É preciso rebelarse, por necesidade e por dignidade, e facelo reclamando a soberanía de Galiza, porque non se trata dun capricho ideolóxico, senón da chave para saír da crise, para desenvolver o país, para conquistar a xustiza social e reconstruír a democracia. Sobran motivos para participar a manifestación do 15-S. Só tes que elixir cal é o teu.
Manifestación Por unha patria soberana, o domingo 15 de setembro ás 12.00 na Alameda de Santiago de Compostela.