O BNG urxe solucións ante o anuncio de peche da Escola Infantil “A Casiña” ubicada no barrio das Lagoas

Foto IAGO TABARES 1
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense

A través dunha iniciativa parlamentar, instan á Xunta de Galiza a adopción das medidas precisas para evitar que as familias deste barrio da cidade e as e os traballadores da mesma, queden sen este servizo básico

O BNG urxe solucións ante o anuncio de peche da Escola Infantil “A Casiña” ubicada no barrio das Lagoas

Ourense, 08 de marzo de 2025. Tras iniciarse a principios do mes de febreiro o prazo para a solicitude de matrícula e renovación de praza nas Escolas Infantís de xestión privada, os pais e nais que solicitaran a renovación de praza na Escola Infantil “A Casiña”, situada no barrio das Lagoas, recibiron unha comunicación da Entidade encargada da xestión, Cáritas, na se lle informaba do peche do Centro, quedando polo tanto sen efecto a solicitude que presentaran para o curso 2025-2026.

Tal e como sinalan desde o BNG, “a comunicación provocou un profundo desacougo nas familias que un mes despois de iniciado o prazo deberían procurar praza noutra escola, pero que visto o acontecido nos exercicios precedentes, nos que 150 familias ficaron sen praza para as súas crianzas, non vai ser tarefa doada”. E é que segundo o deputado Iago Tabarés, “da información publicada pola Xunta de Galiza para o curso 2024-2025 non había ningunha praza nunha Escola Infantil a menos de 2,5 km de A Casiña”.

Tabarés insiste en que “nun radio superior aos dous quilómetros só existe a escola infantil Concepción Saiz Otero, se ben esta, sita no Campus universitario, está fundamentalmente dirixida á esa comunidade educativa. Así pois a Escola Infantil A Casiña é o único recurso co que conta a veciñanza do barrio das Lagoas e a súa contorna tanto para a conciliación da vida familiar e laboral, como para a preparación das crianzas para etapa escolar. Conta con 41 prazas e cun cadro de persoal de 7 traballadoras, persoal de cociña e administración incluída”.

No BNG advirten que no conxunto do Concello de Ourense apenas sete escolas infantís “son de titularidade e xestión pública, sendo as demais de titularidade privada, dándose un único suposto en que esa xestión privada corresponde a unha entidade sen ánimo de lucro. É o caso da Escola Infantil A Casiña” e engaden, “de facerse efectivo o cese na actividade do Centro, as familias veranse obrigadas a desprazarse fóra do seu barrio de residencia”.

O peche da escola implicará, tamén, a perda de cando menos sete postos de traballadoras de acreditada profesionalidade e valía e, nalgúns casos con notable antigüidade. Xa que logo, a decisión adoptada privará doutro servizo á veciñanza dun importante barrio de Ourense, prexudicará a conciliación familiar e laboral de numerosas familias e suporá unha supresión de postos de traballo en Ourense, única provincia de Galiza e das poucas do estado en que paro rexistrado medrou no último mes”.

Diante desta situación e da necesidade urxente de dar resposta a crecente inquedanza das familias e do cadro de persoal, o BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha PNL co obxectivo de “instar a Xunta de Galiza a adoptar as medidas necesarias para garantir a actividade da Escola Infantil A Casiña no barrio das Lagoas, así como o mantemento dos postos de traballos mesmo, se fose preciso, facéndose cargo da mesma e integrándoa na rede pública de escolas infantís”.


 

O BNG urxe solucións ante o anuncio de peche da Escola Infantil “A Casiña” ubicada no barrio das Lagoas