O Concello de Ourense debe cumprir o acordo plenario sobre a xestión da Casa de Acollida
O BNG presentou no pleno do mes de marzo dúas mocións relativas as políticas de Igualdade levadas a cabo pola Xunta de Galiza e o Concello de Ourense. As dúas foron aprobadas por quince votos favorables e na primeira de elas figuraban como acordos, entre outros os seguintes: Instar á Xunta de Galiza a garantir a consignación orzamentaria suficiente para a Casa de Acollida de Ourense, cun mínimo de 100.000, e, Sacar a concurso público a xestión da Casa de Acollida de Ourense garantindo para esta unha xestión con perspectiva de xénero e aconfesional.
A través da prensa o BNG ten coñecemento de que o Concurso para a xestión de este servizo indispensable para Ourense quedou deserto é que segundo fontes próximas á Congregación das Reverendas Adoratrices o orzamento incluido nas bases de licitación é ridículo e insuficiente.
Nos acordos do Pleno o BNG instaba á Xunta a incrementar a consignación para a Casa de Acollida de Ourense conscientes da necesidade de aumentar o orzamento destinado a este fin, e remaracabase no último punto do acordo a esixencia da garantía dunha xestión con perspectiva de xénero e aconfesional, que desde logo non cumpren as Reverendas Adoratrices, por máis que leven desenvolvendo esta labor desde 1906.
O Concello de Ourense volve a facer súas as políticas do PP se finalmente é esta congregación de relixiosas as que acaban asinando o convenio para a xestión da Casa de Acollida. De pouco vale que se critiquen desde a alcaldía os recortes realizados polo goberno do Estado ou a Xunta de Galiza, se despois actúan ideolóxicamente igual que eles e conceden a organizacións relixiosas as axudas e os contratos do ámbito da Igualdade. Se o Concello de Ourense quere facer cumprir os acordos plenarios deberá revisar as bases do concurso de referencia e incrementar as partidas, para asegurar a concurrencia de empresas e asociacións con perspectiva de xénero e aconfesionais, que non dispoñen do patrimonio e as vantaxes fiscais da Igrexa para optar a estes concursos.
O Grupo Municipal do BNG esixirá ao equipo de goberno que cumpra os acordos plenarios. Non ten sentido que o PSOE municipal apoie co seu voto mocións presentadas polo BNG, se logo desde o goberno non amosa ningún interese en cumprir eses acordos. Basta xa de hipocrisías. Onde están as políticas de esquerdas no Concello de Ourense?