O BNG esixe ao alcalde que retire as novas bases de contratación
O BNG rexistrou hoxe unha comunicación dirixida ao Alcalde de Ourense, na que se solicita a retirada das bases xerais para a selección de persoal funcionario interino e persoal laboral temporal do Concello de Ourense que a Directora Xeral, Dª Carmen Rodríguez Dacosta, presentou a pasada semana as forzas sindicais e que colleitou o rexeitamento das tres centrais maioritarias, CIG, USO e CSIF.
Segundo esta proposta de novas bases vanse eliminar as listas de contratación existentes, que estaban vixentes ao longo de todo o ano e abertas para a inscripción de calquera persoa. O novo procedemento sinala que a convocatoria de novas prazas faríase únicamente a través da web do Concello e do taboleiro de edictos da sede consitorial, e que as persoas que se presenten a cada praza deberán pasar un proceso selectivo consistente en fase de méritos e proba práctica.
A proba práctica será a que defina a puntuación final de cada persoa que opte a selección, pois ademáis de ter carácter eliminatorio, suporá aproximadamente o 75% da nota definitiva. Unha proba, a xuizo do BNG, sen garantías de obxectividade, pois non será pública e en cada convocatoria fixaranse as súas características específicas, pudendo variar completamente en cada praza, en función do que determine a Dirección Xeral de Persoal.
Por outro lado, as bases establecen que os resultados de cada convocatoria conformarán unha lista de interesados, con unha vixencia de dous anos, para novas contratacións.
O Grupo Municipal do BNG, preguntou ao alcalde sobre este procedemento no último pleno do pasado 2 de agosto, coa intención de que retome a negociación e presente unhas novas bases, no caso de consideraren necesaria a súa renovación, co consenso de todas as centrais sindicais.