A Conta Xeral de 2023 corrobora os argumentos do BNG sobre a “caótica situación económica na que se atopa o Concello de Ourense”

IMG_7766
Xosé Manuel Puga, Rhut Reza, Luís Seara e Erea Blanco en rolda de prensa

O Goberno Local ven de remitirlle ao Grupos da Oposición o expediente correspondente á Conta Xeral de 2023 e dunha primeira análise, desde o Grupo municipal do BNG destacan que “os técnicos certifican o que levamos meses advertindo e denunciando en canto á situación económica do Concello”

A Conta Xeral de 2023 corrobora os argumentos do BNG sobre a “caótica situación económica na que se atopa o Concello de Ourense”

Ourense, 30 de novembro de 2024. 20 de decembro, ese é o dia no que a Comisión Especial de Contas do Concello de Ourense avaliará a Conta Xeral do ano 2023, consecuencia do cal, nos últimos días foi remitido o documento aos diferentes Grupos municipais para a súa análise previa, análise na que xa está a traballar o BNG.

O nacionalistas, a través do seu Portavoz Luís Seara, destacan en primeiro lugar o incumprimento sistemático dos prazos legalmente establecidos para a presentación, aprobación e remisión da Conta Xeral ao Tribunal de Contas, “algo que tamén poñen de manifesto os técnicos nos propios informes obrantes no expediente para o cal solicitan a adopción das medidas e a dotación dos recursos necesarios para corrixir tal situación”. Pero sen dúbida o que máis chama a atención do BNG é o feito de que “na Conta Xeral de 2023 acredítase todo o que levamos meses denunciando en relación á caótica situación económica na que se atopa o Concello e a utilización das modificacións de crédito como un Orzamento encuberto”.

Así, no informe elaborado pola Tesourería municipal, incídese na “imprescindible aprobación dun novo documento orzamentario, dado que, dada a súa antigüidade, o Orzamento Xeral deste Concello non pode adaptarse á realidade actual e non responde ás necesidades de hoxe”. No mesmo, advírtese que “o remanente de tesourería non pode convertirse no instrumento xeral para conseguir esta adaptación, creando novas partidas e deixando outras sen execución”.

Outro dos elementos que máis chama a atención e que apuntala, segundo sinala Luís Seara, os seus argumentos é o relativo ás modificacións de crédito que, tal e como se indica no informe, acadaron o 100,08% do total das previsións, o que indica un Orzamento Xeral definitivo que nada ten que ver co Orzamento Xeral inicial pois pasouse dos 103.816.127,09 euros aos 103.901.638,54 euros que acadaron en conxunto os 79 expedientes tramitados ese ano, importe que se advirte “a todas luces excesivo e reflicte as dificultades de adaptación do Orzamento Xeral existente, que data do ano 2020, á realidade actual e ás necesidades para as que está pensado, manifestándose a imperiosa e urxente necesidade de aprobación dun novo Orzamento”.

No BNG sinalan que tampouco é baladí a recomendación que se fai de atender ás incidencias detectadas pola Intervención municipal no informe elaborado polo órgano fiscalizador á Liquidación do Orzamento do exercicio económico de 2023.

Conta 413.

Outro elemento a destacar para o Grupo municipal do BNG e que unha vez máis “reafirma os nosos posicionamentos”, ten que ver coa conta 413 pois no informe de Tesourería sinálase que “debe preocupar a contía dos gastos pendentes de imputación orzamentaria existentes na conta 413 que a 31 de decembro de 2023 ascendeu ao importe total consolidado de 16.797.515,64 euros [...] dado que representa un 14,01% do total das obrigas recoñecidas netas consolidadas do exercicio cando non deberían superar un 3,00% en circunstancias normais”.

O informe conclúe de xeito contundente a ollos do BNG pois nel afírmase que “este exceso de gasto pendente de imputación orzamentaria pode afectar negativamente á imaxe fiel das contas municipais [...]”.

Luís Seara entende que a Conta Xeral de 2023 ratifica “todos e cada un dos nosos argumentos. Estamos diante dunha situación caótica e que lonxe de mellorar empeora cada día que pasa”, e advirte, “este informe avalía a situación económica do ano 2023 mais estamos convencidos de que a día de hoxe, a mesma é moito máis preocupante”.


 

A Conta Xeral de 2023 corrobora os argumentos do BNG sobre a “caótica situación económica na que se atopa o Concello de Ourense”