A desidia do goberno municipal priva aos cidadáns de miles de metros de espazo público
O BNG pedirá no próximo pleno que se promova o uso público dos espazos que por convenio urbanístico teñen a consieración de públicos.
Estes lugares, coñecidos como quinteiros ou cuarteirons pechados, abundan na nosa cidade nos barrios do Vinteún, A Ponte, O Couto, A Rabaza, As Lagoas, Mariñamansa ,Santa Teresita ou a zona centro onde hoxe estamos facendo pública a nosa proposta.
O lugar onde nos atopamos, aproximadamente 2.000 m2 de espazo público, é descoñecido por moitas veciñas e veciños e de difícil acceso para as persoas que o utilizan dado que teñen que entrar ou ben polo parking ou pola perfumaría El Arenal.
Este espazo foi unha cesión do parking ao Concello de Ourense, forma parte do inventario municipal e é de dominio público dende o ano 2008. O BNG pide que o grupo de goberno e a empresa La Región se poñan dacordo para abrir a entrada ao público que está proxectada dende o baixo que ocupa o grupo xornalístico.
A disminución dos espazos públicos nas cidades é unha constante nos últimos tempos. A falta de rúas peonís, a invasión de terrazas, a escasez de zonas verdes, etc, fan que se busquen alternativas para poder pasear ou simplesmente disfrutar coas nosas fillas-os de zonas de xogo sen medo a ser atropelados.
O portavoz do BNG, Xosé Somoza, lamenta o escaso aproveitamento que se fai destes espazos públicos e por iso pide que dende o goberno municipal se poñan os medios para informar á cidadanía da súa existencia así como o seu acondiciomento.
Outro dos quinteiros tamén céntrico e pechado ao público -1.300 m2- é o emprazado na rúa Florentino Cuevillas enriba dos baixos que ocupa a Consellaría do Medio Rural.
En moitos destes cuarteiróns pechados existen canchas que poderían empregarse para a realización de ligas interbarrios, para actividades desenvolvidas por asociacións que organizan campamentos de verán
e mesmo para actos que programan as diferentes concellarías.
Por último, o grupo nacionalista apunta á necesidade de inventariar estes espazos dado que moitos deles se atopan nun limbo legal ao ser de dominio público pero non estar escriturados como bens de titulariedade municipal.