Non máis desafiuzamentos. Dereito a unha vivenda digna para todas e todos os galegos
Logo de apoiar o rexistro no Parlamento de Galiza dunha Iniciativa Lexislativa Popular na que se demanda a aprobación dunha proposición de lei para garantir na Galiza o dereito universal a unha vivenda digna, a paralización de todos os desafiuzamentos, o acceso a un alugueiro social e o impulso dunha lei galega de Vivenda que promova o uso das que están valeiras ou deshabitadas por parte das Plataformas contra os Desafiuzamentos, o grupo municipal do BNG presenta no pleno de abril unha moción na que pide o apoio dos grupos políticos a esta ILP.
As Plataformas contra os desafiuzamentos comezarán nos próximos días unha campaña en toda Galiza para buscar as sinaturas que lles permitan o debate da iniciativa no pleno do Parlamento Galego, pioneira pois é a primeira que se presenta nun parlamento autonómico no Estado Español.
Toda a protección social que o goberno galego concede as desafiuzadas-os é pura propaganda cando a realidade é que en Ourense non hai nin unha soa vivenda de protección oficial que se poida pór ao dispor dunha familia desafiuzada.
O drama das persoas que deben entregar a súa vivenda e seguir pagándolle a débeda ao banco vese agravada cando quedan na rúa e teñen que ser auxiliadas temporalmente por amigos, veciños ou a mesma plataforma de desafiuzados cando a asistencia debería chegarlles da administración.
E por isto que o BNG solicita que o concello lle pida á Xunta que en Ourense se poñan a disposición das afectadas-os polos desafiuzamentos vivendas de alugueiro social pois sabemos, polos traballos da Comisión contra os Desafiuzamentos creada no Concello a instancias do Bloque Nacinalista Galego , que só dispón de 4 vivendas en Carballeda de Valdeorras e só para casos de hipoteca.
Como afirma a concelleira Ximena González debemos presionar dende todas as instituicións para que dunha vez por todas se paralicen os desafiuzamentos, estabelecendo a dación en pago, que se lle expropien aos bancos -responsábeis de ter concedido abusivamente créditos hipotecarios- as vivendas das persoas que estén en proceso de execución ou embargo por mor da crise.
Con esta iniciativa o BNG traslada ao pleno do Concello de Ourense un debate que xa se deu na Comisión contra os Desafiuzamentos sobre a necesidade de presionar dende as institucións locais a quen ten competencias en política de vivenda.
O BNG apoiará en todo o país a recollida de sinaturas para o debate da ILP colaborando coa Plataforma e facendo difusión dunha iniciativa que xa apoio a nivel de Estado e que agora se traslada ao debate no parlamento galego.
[ Texto íntegro da moción de apoio á ILP das Plataformas contra os Desafiuzamentos ]