A Casa da Mocidade segue pechada pola incapacidade do equipo de goberno
Sen visos de solución segue o peche da Casa da Mocidade. Non se trata de facer política para o acoso e derrubo do grupo de goberno -como di o rexedor- mais si, dous anos despois de prevista a súa apertura, o Espazo Lusquiños segue pechado non queda outra que achacalo á incapacidade do equipo de goberno.
En xuño do 2013 aprobóuse en pleno o regulamento que obrigou a abrir o prazo para que os grupos solicitaran o uso dos locais de ensaio na súa primeira quenda , de abril a setembro. Agora están feitas as inscripcións pero os locais seguen pechados sen solución a curto prazo pola falta de persoal para atender as instalacións.
Xa hai dous anos, cando remataron as obras, o impedimento para inaugurar a Casa da Mocidade foi a dotación de persoal. Foron 670.000 investidos con fondos do Plan E para que a mocidade de Ourense contara cun espazo público para desenvolver actividades. Daquela o BNG -responsábel da área de Xuventude- concebira este lugar como un centro de encontro, espazo de lecer e formación para que as mozas e mozos da cidade tiveran alternativas ao ocio.
Dende entón, as-os nacinalistas pedimos en reiteradas ocasións que o equipo de goberno solucionara os seus problemas para dotar de persoal este espazo e agora insisistimos nesta solicitude a través dunha moción para adscribir ao Espazo Lusquiños os postos de traballo necesarios para a realización do servizo en cumprimento do Regulamento aprobado co fin de abrilo o antes posíbel.