“Galiza só lle importa aos galegos e para cambiar o noso destino é preciso ter voz propia en Madrid"

“Galiza só lle importa aos galegos e para cambiar o noso destino é preciso ter voz propia en Madrid"

“Allariz é un exemplo do país que eu quero”, arrancou Noa Presas a súa intervención no primeiro mitin da campaña esta tarde en Allariz. “Sodes un exemplo para toda a xente de que é posible cambiar o mundo, de que hai alternativa neste país”. A número un da lista do BNG-Nós ao Congreso por Ourense dixo que quere estar en Madrid despois do 26 de xuño para que “Galiza conte”, e mesmo “nun contexto no que non vai a haber maiorías absolutas o voto dunha nacionalista poida ser decisivo para inclinar ao goberno cara a políticas de esquerdas”.

Presas incidiu en que “Galiza só lle importa aos galegos”, e por iso “para cambiar o noso destino é preciso ter unha voz propia en Madrid”. “Non vos teño que dar cifras do desemprego, dos salarios, das pensións, do que pasa por aquí abaixo... nos temos os pés no chan, non nos platós de televisión, e por iso non vos vou dar cifras, porque vos sabedes o que pasa: si Galiza está nunha situación de emerxencia nacional, en Ourense a situación é case de vida ou morte, unha emerxencia vital”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comezou pedindo “convicción e confianza en que a alternativa para Galiza é o nacionalismo”. Advertiu Pontón que “hai moitas persoas decepcionadas que viron como se xogou coas súas esperanzas. Temos que coller a esa xente da man, esa xente que cree que Galiza pode, e desde o BNG temos que devolverlle a esperanza. Temos que dicirlles que Galiza pode, que é un país rico e que as mozas e os mozos non terían por que emigrar”.

A portavoz nacional, que pola mañá presentou en Pontevedra as propostas económicas do BNG que marcarán “a liña vermella” en calquera negociación en Madrid para un cambio de goberno, dixo en Allariz que “Galiza importa e nos queremos que o noso país rompa con ese destino que nos impide avanzar”, e puxo como exemplo dos atrancos a xestión privada dos montes ao servizo de empresas como Ence.

No acto, celebrado na Praza dos Brancos, o alcalde de Allariz e número catro da candidatura ao Congreso por Ourense, Francisco García, dixo que “é unha mentira asombrosa que se nos está a repetir constantemente iso de que nos vivimos da solidariedade do Estado. A realidade é a inversa: Galiza aporta materias primas, enerxía, aforro...”. García reclamou un novo modelo de financiamento para os concellos galegos “que están discriminados”. A deputada Tereixa Paz tamén estivo presente no mitin. Ourense, 12 de xuño de 2016

alla4ALLARIZ2

“Galiza só lle importa aos galegos e para cambiar o noso destino é preciso ter voz propia en Madrid"