O goberno debe esixirlle a Viaqua o arranxo da rede de saneamento de Velle
A parroquia de Velle leva moitos anos con problemas na rede de saneamento. Un dos primeiros escritos reclamando unha depuradora data do ano 2006 porque xa daquela a canalización das augas residuais provocaba verteduras ás fincas e ao rio Miño. Porén, nin as reiteradas sancións da Confederación Hidrográfica ao Concello de Ourense fan que o equipo de goberno actúe de maneira dilixente nesta cuestión. Cando hai unhas semanas a AVV de Velle se dirixiu á concelleira responsábel de área, Áurea Soto, ésta redirixíuna aos grupos da oposición para que os convencerá de aprobárenlle o plan de investimentos no que se inclue unha partida para eliminar as fosas sépticas e construir unha EDAR.
Non imos reiterar, máis unha vez, que temas como éste se terían solventado coa aprobación duns orzamentos, o importante agora é actuar con celeridade e para o BNG a solución pasa por esixirlle á empresa concesionaria Viaqua que acometa as obras de reparación e mellora para na rede de saneamento.
Tamén hai que lembrar que o BNG aprobara no ano 2012 unha modificación de orzamentos na que se dotaban como créditos extraordinarios 385.000 para Obras de abastecemento e saneamento que a día de hoxe aínda non se executaron. Agora queren que lle aprobemos o seu electoralista Plan de Investimentos que prevé a construcción da EDAR no segundo exercicio do Plan finais do 2015- máis consideramos que ten poucas probabilidades de lévalo a cabo e as veciñas e veciños de Velle non poden esperar tanto porque a desfeita medioambiental precisa dunha solución urxente.
Tampouco queremos esquecer as consecuencias das verteduras que sofren as usuarias-os da escola de piragüismo xa que a tubaxe ten saída ao Miño na beira mesma da escola e as augas fecais que por unha ou otra razón non van as fosas sépticas desembocan na canalización ao rio.