O grupo de goberno estafa á cidadanía; que se vaian todas-os
O enésimo escándalo na xestión de personal por parte do PsdG-PSOE no grupo de goberno afecta a 41 postos de traballo da plantilla municipal e descabeza servizos e áreas de goberno importantes para a xestión municipal do Concello de Ourense.
O grupo municipal do BNG demanda dende hai xa 3 anos a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense, para reestructurar os servizos e facer fronte agora ás esixencias legais das leis de racionalización e sostenibilidade da administración local. O grupo de goberno ignorou esta petición realizada polo BNG a través de mocións en pleno, peticións no rexistro municipal, rogos e preguntas nas sesións plenarias e nos numerosos debates sobre orzamentos dende o ano 2012 e hoxe coñecemos a nefasta consecuencia de non ter accedido á actualización da RPT.
Mas para o BNG o máis grave é que o Alcalde de Ourense e o grupo de goberno do PsdG-PSOE estafaron a esta cidade durante 14 días ocultando a sentenza do TSXG e levando a pleno un documento ILEGAL a mantenta no expediente de Orzamentos de 2014. Este feito constitúe un gravísimo incidente, un máis, na xestión de personal da actual Directora Xeral de Persoal, Carmen Rodríguez Dacosta mas tamén un engano por parte de todo o grupo de goberno ás traballadoras do Concello, aos grupos da oposición e ao conxunto da cidadanía.
O voceiro do BNG Xosé Somoza Medina solicitou a Agustín Fernández a dar as oportunas explicacións nunha Xunta de Voceiros de cómo vai afrontar o grupo de goberno a aplicación desta sentenza, que vai pasar cos postos de traballo, coas traballadoras, coas áreas e os servizos que fican cunha plantilla mermada e que unha vez feito iso todos os membros do goberno abandonen as súas responsabilidades e, por decencia, abandonen o Concello de Ourense.
'Xa dixemos no pleno que este é un goberno incapaz, agora tamén sabemos que é un goberno estafador, que engana á cidadanía e aos seus representantes. É a pinga que colma o vaso' sinalou Xosé Somoza, voceiro do grupo municipal do BNG, e engadiu 'preocúpannos os servizos, como quedará a plantilla para atender ás veciñas e veciños e ás súas necesidades, é urxente aclarar como se vai afrontar a aplicación desta sentenza e unha vez que o fagan que se vaian tod@s'