Propomos que o sistema fiscal do Concello sexa máis equitativo

Propomos que o sistema fiscal do Concello sexa máis equitativo

O grupo municipal do BNG xa expuxo o pasado ano a necesidade de reformar todo o sistema fiscal do Concello para buscar unha maior progresividade, exercendo máis presión fiscal sobre a riqueza mediante os impostos e, ao mesmo tempo, facilitarlles afrontar as obrigas tributarias ás persoas con menos recursos.

Nesta altura do ano, o equipo de goberno aínda non lle achegou á oposición a súa proposta de modificación das ordenanzas fiscais, por isto, o BNG quere abrir o debate presentando unha moción sobre dous aspectos.

IMG_0289

En primeiro lugar, lembrarlles cales foron as propostas aprobadas no 2013 e que aínda non se implantaron. Entre estas está a facilidade para o pagamentos fraccionado sen aplicación dos xuros para as familias con todos os seus membros en paro. Tamén a suspensión da liquidación das plusvalías as afectadas-os por procesos de desafiuzamentos cando se trate de vivenda de residencia única e habitual. Neste ponto, a concelleira Susana García critica que mentres nalgúns concellos sí se está aplicando a suspensión, en Ourense a escusa que pon o grupo de goberno é que se precisa unha modificación lexislativa. É claro o desinterese do PSOE que non fai o máis mínimo esforzo para mellorar a situación das persoas desafiuzadas.

En segundo lugar, as-os nacionalistas propoñen xa falar dalgunhas modificacións en varias ordenanzas fiscais para aplicarense no ano 2015. No caso do IBI, propoñen recargar cun 50% sobre a cota líquida o imposto de inmóbeis de uso residencial desocupados cando se trate de segundas, terceiras ou demais vivendas dun mesmo propietario-a.

Tamén pedimos que as vivendas de protección oficial teñan unha bonificación do 50% mentres manteñan esta cualificación -nestes momentos a bonificación só é de 3 anos-.

Outra das propostas que solicitamos é aplicar unha reducción do 3% no caso de domiliciar os pagamentos tal e como se aplica no caso do imposto sobre vehículos.

Con respecto á ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construccións, instalación e obras pedimos unha bonificación do 10% cando se trate da reforma da vivenda habitual, no caso de propietarias-os cunha única vivenda.

Para o BNG, un concello que busque o equilibrio social debe optar pola conxelación das taxas para evitar que as persoas con menos recursos estean discriminadas no acceso aos servizos que presta o Concello. Susana García quer deixar claro que non se trata só de baixar impostos dado que a proposta nacionalista tamén inclúe o aumento dalgunhas taxas como o 100% da tarifa que pagan os caixeiros automáticos das entidades financieiras.

Por último insistimos novamente en que se lle cobre a Igrexa Católica o IBI daqueles inmóbeis non suxeitos ao acordo entre a Santa Sede e o goberno español. É un insulto á cidadanía que se lle perdonen os impostos a unha institución con medios dabondo para afrontar as cargas fiscais que se lle exixe ao resto da cidadanía.

Propomos que o sistema fiscal do Concello sexa máis equitativo