Presas critica a inoperatividade da Xunta por non atender a emerxencia sanitaria nas residencias de Ourense
- O BNG sinala que cinco semanas despois a residencia de Celanova continúa a ter casos activos e segue sen persoal de enfermería a tempo completo
- A formación mostra a súa preocupación porque a incidencia da pandemia na área sanitaria de Ourense é a maior de Galiza desde finais de marzo
O BNG continúa preocupado pola situación que atravesa a provincia de Ourense con referencia aos casos de covid-19 activos. A mala evolución que aportan diariamente os datos e a falta de actividade da Xunta de Galiza provocaron que as residencias de maiores continúen a ser un dos centros de infección.
A representante da Executiva Nacional do BNG, Noa Presas, mostrou a súa preocupación pola mala evolución da provincia, onde os casos continúan disparados –de 120 casos confirmados hoxe en toda Galiza, 50 son de Ourense-. “Cunha poboación avellentada moi semellante á de Lugo, temos máis do dobre de casos por cada 100.000 habitantes” sinalou Presas. Datos que se remarcan cando se comparan co resto do país e se comparan cos da Coruña, provincia con maior poboación.
Asemade, Presas criticou a actitude da Xunta de Galiza despois de cinco semanas de pandemia e sinalou que segue sen atender a emerxencia sanitaria das residencias ourensás. Para a formación nacionalista, a Xunta desiste de exercer as súas competencias en sanidade e política social e continúa sen garantir unha intervención integral na zona cero de Celanova. “A Xunta de Galiza ten que facer un plan de seguimento e impulsar medidas concretas para frear a curva en Ourense” aportou Noa Presas.
Para a organización, a área sanitaria non está atendendo ás residencias de maiores, como na residencia de Celanova: “o SERGAS está máis ocupado en tapar as súas mentiras que en intentar que neste centro haxa persoal de enfermería máis alá de medida xornada”. Presas adiantou que seguirán “reclamando que o persoal sanitario destes centros se atendan directamente e haxa probas para todas as traballadoras e traballadores”.
Nestas 5 semanas, co persoal reducido polas baixas directas por covid (18) ou indirectas (até alcanzar no pico da crise o 86% da plantilla), “nin Sanidade interveu dotando á residencia de médica ou médico nin persoal de enfermaría e foron as propias traballadoras da residencia quen tiveron que procurar persoal e xestionar contratacións”.