A incapacidade e incompetencia do Goberno Local por non ter xestionado as axudas a hostalaría e comercio en tempo e forma, obrigao a utilizar unha práctica de dubidosa legalidade xa empregada polo seu predecesor no cargo no anterior mandato
O convenio asinado entre a Federación de Comercio e a Confederación de Hostalaría, na que ámbalas entidades aportan 500 euros, persegue o mesmo obxectivo que o asinado no seu día coa Deputación para a execución de varias obras, que non é outro que poder incorporar os 10 millóns de euros ao vindeiro exercicio
Resulta incomprensible que a incapacidade e o tacticismo do alcalde e do Grupo de goberno, faga que teñen que recorrer a medios de dubidosa legalidade para aprobar unhas axudas que hai tempo tiñan que estar aprobadas e dadas, porque ese foi o compromiso adquirido polos grupos en pleno
Ourense, 08 de decembro de 2022. Segundo denuncia o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, “resulta significativo que o alcalde non nos dixera aos Grupos que tiña pensado asinar un convenio coa Federación de hostalaría e comercio, máis agardamos que teña a deferencia de convocar aos Portavoces para abordar o modo e maneira en como se van repartir os bonos”.
O Portavoz nacionalista e candidato á alcaldía Luís Seara lembra que, “nos últimos meses mantivemos até dúas reunións convocadas polo alcalde para abordar esta cuestión e en ambas non se nos ofreceu ningún borrador nin ningún documento base sobre o que poder traballar, quedando emprazados a un novo encontro no que xa se nos presentaría unha proposta concreta”.
Desde a formación nacionalista recordan que sempre se amosaron partidarios de artellar un mecanismo que permitise inxectar liquidez non soamente no sector hostaleiro senón tamén no tecido comercial do concello para estimular a economía local pero advertindo da necesidade de fixar unha serie de criterios claros que permitan que ditas axudas cheguen ao maior número de establecementos posibles.
Deste xeito, desde o BNG avogan pola determinación dun límite de cantidade de gasto por local e dun límite por sector de actividade para evitar o acontecido coas axudas a libros e nas que unha soa libraría acaparou ao redor do 70% das mesmas. Tamén piden, entre outras, ter en conta a renda das persoas beneficiarias.
Luís Seara entende que “a incapacidade e incompetencia do actual rexedor fai que aínda esteamos a falar agora das axudas á hostalería e comercio cando hai dous anos que se tiñan que ter posto en marcha”. Aínda así, no BNG afirman que “seguiremos traballando para mellorar as Bases da convocatoria, para que se garanta un reparto xusto e equitativo das axudas e para que cheguen ao maior número de establecementos do concello”.