“Mellor local, mellor galego” lema co que o BNG pretende animar e incentivar o consumo no comercio local e de proximidade
Como cada ano por estas datas nas que aumenta significativamente o consumo, desde a formación nacionalista lembran a importancia do pequeno comercio e de proximidade para as economías locais, xerando riqueza, postos de traballo e ofertando produtos dunha altísima calidade
Ourense, 21 de decembro de 2022. O BNG de Ourense ven de presentar como cada ano a campaña coa que desde a formación nacionalista pretenden concienciar da necesidade de apostar polo pequeno comercio e polo produto de proximidade.
O responsable comarcal e concelleiro en Barbadás Sarín Núñez, fixo un chamamento “a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción”, Núñez subliñou as vantaxes de apostar polo feito en Galiza. “A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no País fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades”.
Para impulsar e promover un sector chave, tanto desde o punto de vista económico como da creación de emprego, o BNG pon sobre a mesa unha batería de propostas, comezando por promover unha nova Lei de comercio “adaptada á realidade actual e que reforce o papel do comercio de proximidade na economía galega, unha nova lei que, por exemplo, regule horarios e regule as tempadas de rebaixas porque a lexislación liberal do PP está feita á medida das grandes áreas”.
Igualmente, o Bloque propón unha moratoria na instalación de grandes superficies comerciais, “porque é un modelo saturado que ademais xera problemas na trama urbana das cidades e ten prácticas que dificultan a supervivencia do comercio de proximidade".
Ademais dunha lexislación que protexa o comercio local, os nacionalistas propoñen “un Plan Integral de Promoción do Comercio de Proximidade, elaborado previa diagnose e coa participación de todos os actores implicados. Un plan que permita ao sector superar esta crise e fortalecerse ganando en competitividade, para o que o Bloque presentou unha emenda orzamentaria de 19,5 millóns de euros para iniciar a súa posta en marcha”.
Mellorar a dixitalización do sector e a formación do persoal e, nese sentido, “promover a implantación dunha plataforma de venda online galega que permita ao comercio local sumarse a un hábito de consumo que xa é habitual, pero sen someterse ás imposicións de multinacionais como Amazón”.
Na presentación da campaña tamén participou o portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, quen indicou que “o comercio local en Ourense ten unha grande transcendia e importancia, en canto xerador de riqueza, ate o punto de que o concello aglutina o 38% do total do sector da provincia”.
Para Seara, “o comercio minorista é un sector estratéxico para a nosa economía. Pero ademais de xerar riqueza, o comercio de proximidade contribúe a dinamizar e revitalizar os barrios, ademáis de xerar emprego de calidade”.
O candidato á alcaldía polo BNG indicou que desde o concello tamén se poden tomar medidas que vaian alén de dar uns bonos, “que non deixa de ser pan para hoxe e fame para mañá. Ourense ten o potencial suficiente para converterse na capital galega do comercio, con comercios especializados e atractivos”.
Neste senso avanzou que é preciso desenvolver políticas de rexeneración urbana, pondo en marcha políticas de humanización de espazos nos distintos barrios da cidade coa adquisición e rehabilitación de baixos comerciais baleiros e ofrecelos en réxime de alugueiro e iniciativas comerciais de interese municipal.
Seara foi claro, “se a veciñanza nos da a súa confianza, poremos en marcha un plan de revitalización do comercio que se artellará en 3 liñas de actuación, innovación e competitividade, incentivos ao comercio e promoción e impulso da actividade comercial.
A campaña desenvolverase nas vindeiras semanas co reparto de dípticos informativos entre a veciñanza e a visita a establecementos comerciais ao longo de toda a cidade. Igualmente desenvolveranse actividades similares no resto de vilas da comarca, destacando O Carballiño, Barbadás, Trives, Castro Caldelas ou o Pereiro de Aguiar entre outras.