Os orzamentos de Rajoy condenan a Ourense ao desemprego e ao empobrecemento
Ourense, 4 de arbil de 2012.- A organización lamenta a ausencia de investimentos produtivos para Ourense e o castigo ao que se someten a través destas contas ás clases populares.
O Bloque Nacionalista Galego valora estes orzamentos do Estado como unha estafa para Ourense, en primeiro lugar porque utilizan un artificio orzamentario para facernos crer que haberá un avance substancial na chegada do AVE cando en realidade o propio orzamento reflicte que ADIF non ten capacidade para captar nin executar os máis de 700 millóns de investimento neste ámbito, trátase pois dunha ficción ou máis ben dun engano masivo en palabras da tenente de alcalde de Ourense e portavoz municipal do BNG, Isabel Pérez.
Por outra banda, resulta desolador comprobar a ausencia total de compromisos coa economía produtiva de Ourense. É desalentador que cando estamos rozando os 40.000 desempregados e desempregadas, con 15 postos de traballo perdidos cada día durante o último mes, non exista nin unha soa actuación orientada á creación de emprego, nin un só investimento en sectores produtivos de gran potencial para xerar dinamismo económico e social.
No BNG vemos con gran preocupación a ausencia de compromiso que evidencian estes orzamentos co sector agrogandeiro, non existe ningunha consignación orzamentaria que garanta a execución dos regadíos da Limia, nin que permita a dinamización do sector vitivinícola ou forestal por poñer só dous exemplos. Desde o punto de vista da cidade, continúa Isabel Pérez, é preocupante como se esquece do gran potencial termal que ten Ourense, que conta cun Plan Estratéxico Termal para o desenvolvemento deste sector, en torno ao cal se poderían xerar moitos postos de traballo e moito valor engadido para a cidade e que polo que se ve non vai contar para a súa implementación con ningún apoio dos gobernos do Partido Popular
Vemos con grande preocupación os recortes tan dramáticos que se producen nos servizos públicos que van ter un impacto tremendo nas persoas máis desfavorecidas aquelas que están desempregadas, con traballos e salarios precarios, etc. Non podemos esquecer que en Ourense, di a portavoz do BNG, temos unha poboación moi envellecida, e contamos cos salarios e coas pensión máis baixas do Estado, polo que os recortes na sanidade, a introdución paulatina de pagamentos, a liquidación na práctica das axudas da lei da dependencia van ter unha especial repercusión sobre a poboación.
Estamos pois ante uns orzamentos que para seguir enchendo os petos das grandes corporacións financeiras sacrifican e hipotecan o noso futuro produtivo condenándonos a máis desemprego e a maior empobrecemento colectivo, uns orzamentos polo tanto que ademais de ser inútiles para o desenvolvemento económico para contentar aos mercados, se ensañan coas clases populares, co común da cidadanía sentenza Isabel Pérez.