Pedimos que o 24 de febreiro se declare en Ourense Día de Rosalía
Dende o século XIX, Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e galegos como poeta nacinal pois reclamou a liberación da patria e asumiu a voz do seu pobo ao se dirixir a él no seu idioma propio.
A publicación do libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito íntegramente no noso idioma, é o final de séculos de silencio e esquecemento e marca a ruptura da marxinalidade do galego ao tempo que desafía a sociedade do seu tempo ao comprometerse coa súa terra, coas súas xentes e coa súa lingua.
É tal a importancia deste libro que na honra de Rosalía de Castro e da primeira edición de Cantares Gallegos, o día das letras galegas celébrase, dende hai 51 anos, o día 17 de maio data da súa publicación -17 de maio de 1863-.
Este ano, de maneira inexplicábel, a Consellaría de Cultura non recolle, como viña sendo habitual, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura un feito que o BNG quer denunciar e que só se pode explicar no intento de ocultar a figura dunha Rosalía viva, radical e comprometida coa súa patria.
Por este motivo, o grupo municipal pide que dende o Concello de Ourense o día 24 de febreiro -data do seu nacemento- se fomenten e apoien actividades de promoción da obra da nosa escritora e que se lle solicite á Xunta que volte a incorporar o Día de Rosalía ao Calendario do Libro e da Lectura.