Unha alegación para impedir que edificios lícitamente construídos queden fóra de ordenación
Un dos problemas máis importantes a resolver no período de exposición pública do PXOM é o referido aos edificios que por estar na situación de fóra de ordenación parcial poden xerar certos problemas as persoas propietarias de eses bens inmobles.
O Grupo Municipal do BNG, consciente desta problemática e como organización política responsable, pretende que o Plan non deixe en situación de fóra de ordenación parcial ningún edificio construído lícitamente, de tal xeito que o Plan parta na súa normativa da realidade existente. Neste sentido, e de igual xeito que ten resolto o equipo redactor do PXOM de A Coruña, no caso concreto dos edificios no solo urbano consolidado o BNG presentará unha alegación que introduza na normativa o seguinte texto: Este PXOM recoñece como parámetros normativos de altura e volume os que se derivan da edificación existente lícitamente construída. Isto significa, en palabras de Xosé Somoza 'que podemos resolver un dos problemas que plantexa o PXOM de forma que evitemos o impacto en moitas vivendas da cidade' e engade 'non parece lóxico que un PXOM veña a deixar fóra de ordenación parcial vivendas lícitamente construídas no seu momento. Esta alegación permitirá que todos eses edificios afectados queden dentro da ordenación'.
Asímesmo o BNG fará alegacións para modificar na normativa urbanística os artigos referidos as situacións de Fóra de Ordenación, detallando con maior claridade as obras permitidas en función das causas de inclusión no Fóra de Ordenación Parcial (art. 221 e art. 126) e as situacións que determinan a clasificación dos edificios como Fora de Ordenación Absoluta (art. 218), por exemplo todas as vivendas incluidas nos ámbitos dos 14 PERIs que determina o PXOM.
En canto as manifestacións verquidas onte polo grupo municipal do PP, ao Grupo Municipal do BNG sorpréndelle a actitude alarmista que adopta o principal grupo da oposición, sen ofrecer solucións nin alternativas, é o que máis grave, mentindo á poboación, pois na práctica urbanística recente e con diversas sentenzas dos tribunais, queda completamente definido que a posible devaluación e dificultades de garantías de préstamos hipotecarios son únicamente nos casos de edificios en fóra de ordenación absoluta, e a propia LOUGA coa modificación da Lei 2/2010, de 25 de marzo, establece que nas construccións só parcialmente incompatibles se poden realizar obras de consolidación, mellora e ampliación, contradecindo o argumento exposto polo PP en canto a depreciación do valor dos inmobles que fica nas condicións actuais.
En palabras de Xosé Somoza '0 BNG, como xa dixo, vai aportar solucións para mellorar o PXOM que o goberno nos presenta, sen estas melloras este documento seguirá sen contar co noso apoio para a súa aprobación provisional, e reiteramos que todos os cambios que se terán que introducir obrigarán a unha segunda fase de exposición pública'.
Ourense, 4 de xaneiro de 2014