O PP amaña unha praza de médico para que a ocupe o alcalde de Barbadás
Freire Couto, alcalde de Barbadás e expresidente do INORDE, retornará a ocupar unha praza de médico, mais nesta ocasión non será no centro de saúde onde ten praza defintivia, en Vilamarín, senón no Centro de Saúde de Barbadás.
Ata agora en Vilamarín había dous médicos, mais co retorno de Freire Couto, unha das prazas vai ficar sen cubrir, mentras a el se lle oferta a praza de médico en Barbadás. Freire Couto accederá á praza que deixa vacante por xubilación en Barbadás o médico que ata agora estaba ocupando ese posto, un APD que consultaba dúas horas ao día.
Agora, e grazas ao apaño artellado desde o PP e para compensalo da súa demisión como presidente do INORDE, o SERGAS resérvalle a praza de médico en Barbadás.
Para o BNG a praza de médico no Centro de Saúde de Barbadás debería ser cuberta por concurso de traslado, onde poidesen concorrer todos os médicos e médicas que o desexen en base á súa puntuación e méritos.
No entanto, o retorno de Freire Couto á medicina activa vai acompañada doutro caso de clientelismo político e caciquismo. As mesmas prácticas que el utiliza na contratación no concello de Barbadás, as mesmas prácticas utilizadas na Deputación de Ourense para contratar persoal, son as agora utilizadas polo SERGAS para darlle o posto de traballo a Freire Couto a 50 metros da súa casa en Barbadás e a 30 metros da Casa do Concello.
A saída de Freire Couto do INORDE está relacionado co escándalo sobre o seu abultado patrimonio, as súas empresas relacionadas coas inmobiliarias, coas empresas que ten en Portugal para evadir impostos, e coa súa fraude fiscal.
O BNG de Barbadás seguirá solicitando a demisión de Freire Couto como alcalde de Barbadás por entender que os motivos que o levaron a dimitir do INORDE son os mesmos polos que debería deixar a alcaldía do concello.