Máis soberanía para facer fronte a crise

Máis soberanía para facer fronte a crise

O BNG presentou hoxe en Ourense a campaña que se vai desenvolver a nível nacional co lema “Non é unha crise, é un roubo”.

O responsábel comarcal, Marcos Ferradás, explicou que a situación que vivimos é de emerxencia nacional, non é alarmismo, estana a viver día a día @s traballador@s, os pensionistas, os pequenos comerciantes e as clases máis desfavorecidas que ven como as súas condicións de vida empeoran inexorabelmente.

O BNG apunta aos reponsábeis e cómplices desta situación, as actuais políticas do PP no goberno central e na Xunta de Galiza, máis tamén o caldo de cultivo xerado polo anterior goberno socialista.

Os nacionalistas apostan pola insumisión. O pobo debe rebelarse e estreitar as conexións entre o campo político, sindical e social.

Máis soberanía

Neste contexto, Tereixa Paz, deputada no Parlamento Galego, manifestou que o BNG aposta por outras alternativas ás políticas erráticas que se están aplicando dende Europa. Esas alternativas, esas outras formas de facer política aséntanse na soberanía dos pobos.

É a falla de soberanía a que fai que os afectados polo roubo das Preferentes non recuperen o 100% dos seus aforros. Son 80.000 galegos e galegas afectados polo decreto lei que aprobou as quitas ao dictado da Troika e que vulnera competencias do Estatuto de Autonomía de Galiza.

Tereixa Paz pedía que o PP tramitara a proposición de lei que a iniciativa do BNG esixía a devolución íntegra dos aforros roubados ao tempo que criticaba o doble xogo dos “populares” aos que lle reclamaba decencia para deixar de xogar coa xente.

Tamén é unha cuestión de soberanía que o noso País non conte cun sistema financeiro propio. Pasamos de ter catro entidades a non ter nada coa conseguinte desprotección dos sectores productivos. A alternativa do BNG, neste caso, é a creación dunha banca pública galega que faga fronte a falla de liquidez das nosas empresas.

Intervención do goberno nos sectores produtivos

Por último, a deputada nacionalista defendía unha maior intervención pública nos sectores estratéxicos, naval, gandeiro, pesqueiro ou enerxético.

Precisamente neste último, Tereixa Paz referíuse a situación de T-Solar , chamada a ser unha das maiores empresas do estado no sector fotovoltáico e que se ve abocada ao peche ao porlle Raxoi un pé no pescozo eliminando as primas ás enerxías renovábeis para favorecer as grandes empresas eléctricas.

Esta campaña, que hoxe se presentaba aos medios, terá como primeiro acto unha charla á que asistirá o Portavoz Nacional, Xabier Vence. Daba conta o vicerresponsábel comarcal, Xabier Saco, quen informou que neste acto, que terá lugar o xoves, 6 de xuño, tamén participarán representantes de afectados pola crise, entre eles, membros das Plataformas de Stop Desafiuzamantos e da Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas.

Máis soberanía para facer fronte a crise