Preocupación no BNG ante os últimos incidentes en espazos públicos.
Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense amosan a súa preocupación ante os últimos incidentes acaecidos no parque de San Lázaro e no Xardín do Posío, reveladores da situación de abandono da cidade.
Ourense, 14 de agosto de 2020. No día de onte tívose constancia de sendos incidentes acaecidos no parque de San Lázaro coa caída dun tilo de grandes dimensións próximo a zona de xogos infantís, e a rotura dun banco no xardín do Posio, provocando feridas leves en ambos casos. Desde o BNG gábanse en primeiro lugar de que non houbese danos persoais de maior consideración ao tempo que alertan da situación e do estado xeral de conservación da cidade.
Para a formación nacionalista o acontecido nas últimas horas revela o estado de abandono e de deterioro no que se atopa a cidade de Ourense no que a espazos públicos, parques, xardíns e mobiliario urbano se refire. Para Rhut Reza, concelleira do BNG "Unha situación arrastrada desde o anterior mandato do PP pero que lonxe de mudar no actual, vese agravada día a día sen que o goberno municipal de PP - DO actúe para evitalo".
Para o grupo municipal do BNG no Concello de Ourense esta situación pon en risco a integridade da veciñanza ao tempo que contribúe a expulsala duns espazos públicos deteriorados, duns parques e xardíns que languidecen e que supoñen un risco, o que contribúe a crear a imaxe dunha cidade envellecida e abandonada.
Fronte a esta situación e segundo os nacionalistas temos a "nada". Un goberno municipal sen un proxecto de cidade claro e definido, un goberno que non conta cunha folla de ruta que avalíe e de resposta rápida á situación de deterioro do espazo público, "cunhas brigadas de xardiñería e mantemento lastradas pola falla de persoal" suficiente para atender tódalas necesidades existentes e coma consecuencia, un agravamento da situación que por desgraza, comeza a afectar directamente a veciñas e veciños de Ourense, os cales se ven involucrados en incidentes coma os acaecidos nas últimas horas.
Para o BNG o goberno actual non ten xustificación ante esta situación, lembran os nacionalistas que o actual bipartito PP-DO leva xa máis dun ano de mandato sen que se adoptaran as medidas oportunas e se crearan os plans de acción precisos para mudar a situación de mantemento da cidade.
Os nacionalistas destacan ademáis que non soamente non se conserva o patrimonio existente senón que mesmo se degrada aínda máis con actuacións coma a de trasladar o skatepark ao Couto ou con podas e talas moi desafortunadas. Incíden igualmente na necesidade de coidar e mellorar o patrimonio recibido mais é necesario coñecer cal é o estado de saúde das nosas árbores, polo que faise preciso unha auditoría para coñecer o estado dos nosos parques e xardíns.
Desde o BNG incídese en que vivimos nunha cidade cun potencial natural enorme, pero que por desgraza contamos cun goberno sen ideas e sen proxecto para dinamizalo e polo en valor, para a concelleira Rhut Reza "temos un goberno que improvisa día a día e que non se centra en solventar os problemas reais da cidade".
Un goberno que, para o BNG, fantasea coa intelixencia artificial ou mesmo con cidades xardín (sen ter moi claro o concepto ao que se alude) pero que é incapaz de xestionar o día a día dunha cidade cun potencial espectacular en moitos ámbitos.