O BNG instará ao Concello de Ourense a pronunciarse sobre o protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 para os centros de ensino aprobado pola Xunta de Galiza.
A formación nacionalista recolle deste xeito o rexeitamento que o protocolo de adaptación ao contexo da COVID-19 aprobado pola Xunta de Galiza xera entre as organizacións sindicais do ensino, as ANPAS e mesmo moitos Concellos do país.
Ourense, 11 de agosto de 2020. O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense presentará no pleno do vindero 24 de agosto unha moción relativa ao recentemente aprobado protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino da cidade para o curso escolar 2020-2021 que está a piques de iniciarse.
Desde o BNG ponse de manifesto que os Concellos non teñen competencias en materia de sanidade nin educación, xa que estas son exclusivas da Xunta de Galiza, pero que coma consecuencia da aplicación da disposición adicional 4ª da lei 5/2014 do 27 de maio de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei 27/2013 de 27 de decembro, son estes os que terán que aplicar o citado protocolo nos centros en canto ao mantemento e limpeza ordinaria se refire.
Para a concelleira Rhut Reza "a Xunta de Galiza elaborou o protocolo primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias".
Incide a concelleira en "que non se respectan os criterios establecidos para o resto da poboación relativos ao distanciamento social ou de aforamento, nin se contempla ningún tipo de complemento económico nin de contratación de persoal de reforzo, nin medidas que solventen a fenda dixital ou mesmo a adopción de medidas físicas e espaciais non propios centros".
Deste xeito e tal e como destacan desde a formación nacionalista no punto 4 do citado protocolo relativo a limpeza dos centros de ensino non universitarios, establécense medidas de limpeza extraordinarias, traballos que van moito máis alá dos que neste momento se realizan por parte do Concello, tendo que ser polo tanto a Xunta de Galicia a que deba asumir e financiar estes traballos.
Outro dos puntos quentes segundo o BNG ten que ver coas condicións nas que se deberán prestar as actividades extraescolares, e concretamente o relativo ao plan Madruga e os comedores escolares. Neste senso desde a formación nacionalista destácase que asociacións de nais e pais xa manifestaron a súa dispoñibilidade a seguir prestando este servizo pero sempre e cando desde a Xunta de Galiza se garanta a universalidade do mesmo, así coma o financiamento do sobrecuste que a aplicación do protocolo vai supor en ambos servizos, sendo ademáis a Xunta a que, coma administración competente na materia, asuma a responsabilidade destas actividades e non as delegue polo tanto nas FANPAs.
Desde o BNG incídese fondamente en que a Xunta de Galiza non pode obviar á totalidade da comunidade educativa a aos Concellos, facendo recaer sobre eles a responsabilidade e o financiamento do sobrecuste no sistema educativo.
Por todo elo, elevará ao pleno unha moción para debatir a situación na que se atopan actualmente os centros educativos da cidade en canto a aplicación do protocolo, os pasos que se están dando desde o Concello de Ourense para dita implantación así como para reclamarlle á Xunta de Galiza que asuma as súas competencias na materia e que escoite á comunidade educativa.