Presas: "Cada día que a Xunta de Galiza tarda en rectificar póñense vidas en perigo"
- O BNG reafírmase na defensa do Hospital de Verín e na reapertura do paridoiro e o servizo de urxencias pediátricas
- A deputada sostén que as distancias son importantes e instará a camiñar hacia un modelo que permita a asistencia en Verín
A deputada do BNG, Noa Presas, criticou unha vez máis a inactividade da Xunta de Galiza do Partido Popular ante o nacemento dunha nova crianza no Hospital Comarcal de Verín. Presas reitera a defensa do BNG na no reestablecemento dos servizos de urxencias pediátricas e o paridoiro posto que o desprazamento das profesionais dende Ourense é de dúas horas.
Esta madrugada volvía a nacer unha crianza no Hospital Comarcal de Verín. A nai da crianza chegara ao centro hospitalario cun parto avanzado e as profesionais decidiron non trasladala até Ourense xa que o parto sería de maneira inmediata. Desde o Hospital Comarcal tívose que chamar, unha vez máis, ao xuíz de garda xa que dende o Hospital de Ourense pedíaselle ás empregadas de Verín que cumpriran o protocolo e enviaran á nai a Ourense, a pesar do avanzado estado do parto.
Corenta minutos despois de dar a luz a unha nena, chega a ambulancia coa pediatra até o Hospital Comarcal de Verín aumentando o tempo de chegada a case un total de dúas horas. "A nena naceu en Verín e está ben grazas á atención das e dos profesionais do centro hospitalario" destacou Presas.
"Cada día que a Xunta de Galiza tarda en rectificar a súa deción, póñense vidas en perigo" resaltou a deputada do BNG. O Partido Popular, segundo anotou Presas, está a desmantelar os servizos sanitarios dos hospitais comarcais, recentralizando os servizos no CHUO: "esta decisión non é racional e ten que ser rectificada" afirmou a deputada. Sinalou tamén que "hai que ir a un modelo no que se corrixa esta situación" ademais de abrir de novo o paridoiro e o servizo de urxencias pediátricas en Verín.
O BNG enviou todo o seu apoio ás profesionais do Hospital e ás veciñas de Verín que continúan pechadas no centro sanitario. Asemade, Noa Presas, deputada do BNG por Ourense, adiantou que levará ao Parlamento de Galiza a situación do Hospital Comarcal de Verín como unha das primeiras iniciativas neste comezo de 2020 para reiterar o seu apoio na loita por unha sanidade pública e de calidade e reestablecer os servizos suprimidos polo Partido Popular.