O BNG levará ao Parlamento a privatización dos servizos de atención e venda nas estacións de Ribadavia e Carballiño
A formación nacionalista critica a demagoxia da Xunta de Galiza do PP por seren a "impulsora" da senda privatizadora
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, levará á cámara o mantemento do servizo de atención ao público e venda de billetes nas estacións do Carballiño e Ribadavia para que continúe a ser de forma presencial. Dende o BNG criticaron a "senda privatizadora", iniciada polo Partido Popular, e a demagoxia que está a realizar a Xunta de Galiza de Núñez Feijóo. As voceiras municipais en Ribadavia e Carballiño presentarán mocións ao respecto nos distintos concellos.
En 2017 ADIF e RENFE intentaron eliminar o servizo de información e atención ao público así como a venda presencial de billetes en estacións como a do Barco de Valdeorras, A Rúa, O Carballiño, Ribadavia, Sarria, etc. Foi grazas á mobilización social que se conseguiu frear esta medida que ameazaba o servizo de máis de 56 mil persoas. En xuño de 2019 AIF continuaba con este proceso privatizador en estacións como Ribadavia e O Carballiño e por iso o BNG impulsou unha resposta institucional ao respecto.
A deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, xa adiantou que "a privatización da venda de billetes suporá un chanzo máis na política de recortes e redución de servizos, perdéndose o carácter público e sen garantías canto ao mantemento de postos de traballo atención de calidade para as persoas usuarias". Asemade, a deputada sinalou que é un ataque ás prestacuón e servizos que gozan os galegos e galegas "que lonxe de supoñer unha corrección na desatención destes servizos seguirá contribuíndo á degradación destas estacións" sendo puntos de referencia para as zonas do interior e o rural da circunscricción.
Co anuncio en decembro por parte da operadora coñecíamos que a partir do 31 de decembro pecharán a venda presencial en estacións como Carballiño e Ribadavia. "Este é un paso máis no baleirado dun servizo público auspiciado polos sucesivos gobernos centrais do Partido Popular e Partido Socialista que non podemos consentir" afirmou Presas.
Asemade, a deputada do BNG denunciou a "demagoxia da Xunta de Galiza" xa que foi o "Partido Popular quen comezou a senda privatizadora". Engadíu que é o Partido Popular e a Xunta de Galiza quen ten que "facer algo máis que enviar cartas que son ignoradas polo goberno estatal".
Desde o BNG, instarán na cámara galega á Xunta de Galiza a demandar o mantemento do servizo de atención ao público e venda de billetes de tren nas diferentes estacións do interior, como Carballiño e Ribadavia, de maneira presencial. Asemade, queren promover a creación de prazas públicas necesarias para dar cobertura ás necesidades das usuarias creando postos de traballo digno. Adianta tamén que as voceiras municipais en Ribadavia e Carballiño , Maite Rodríguez e Sofía García, presentarán mocións ao respecto nos seus concellos.